“Neura, unha comedia neurótico-festiva”, da compañía De Ste Xeito Producións, representarase en Meaño, e “Testosterona”, de Malasombra, en Meis
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza para os concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 23 de febreiro o circuíto +Escénicas aos concellos de Meaño e Meis. Estas actividades enmárcanse no circuíto da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, e cuxa segunda edición acaba de ser convocada cun orzamento de 195.000 euros fronte aos 150.000 euros da primeira. Estas dúas funcións correspóndense á programación do primeiro circuíto, que chegará ata o mes de marzo a un total de 49 concellos.
En Meaño representarase “Neura, unha comedia neurótico-festiva”, da compañía De Ste Xeito Producións, o domingo 23 ás 19:00 horas no Centro social de Dena. Esta comedia aborda a saúde mental cuns protagonistas que conviven con teimas propias e alleas. Algunhas intentan agochalas, outras exhíbenas orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas. Edu e Sonia viviron no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos nin amantes, senón ex, de quen saben ata o seu grupo sanguíneo pero actúan como perfectos descoñecidos. Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias e teñen que poñer a proba de novo a compatibilidade das súas neuras.
Pola outra banda, tamén o domingo, pero en Meis representarase “Testosterona” de Malasombra ás 19:00 horas no Auditorio municipal. A peza aborda o proceso de decisión dun director de medios de comunicación que debe escoller un dos seus subdirectores, un home e unha muller, para que ocupe o seu posto de traballo. Exponse unha disxuntiva sobre cal será a persoa que ocupe o cargo e, sobre todo, cales serán os principais factores que influirán na decisión. É unha fábula contemporánea cunha lectura a diferentes niveis, na que sobresae a idea de que a muller se conforma con acadar o poder que o sistema, creado polos homes, establece.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra) e que segue medrando, xa que as compañías poden adherirse ata finais deste mes de febreiro.