O presidente provincial Luis López asegurou que as obras, financiadas ao 100% pola Deputación, “van mellorar a contorna e os espazos públicos no treito antigo da estrada provincial EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela”
A Deputación de Pontevedra adxudicou hoxe por 380.000 euros os traballos para afrontar a mellora da mobilidade peonil no treito antigo da estrada provincial EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, concretamente na contorna da igrexa de San Sebastián de Cabeiras, en Arbo. O proxecto será financiado ao 100% pola Deputación, xa que o Concello cubre o 20% que lle corresponde no marco do convenio firmado entre ambas administracións cunha achega do Plan +Provincia.
En concreto, trátase da segunda fase dunhas obras que buscan reordenar e mellorar a contorna e os espazos públicos no ámbito da igrexa e do Campo da Festa, incluíndo o viario de acceso a ambos equipamentos, nun tramo de case 270 metros de dobre sentido de circulación e de sección variable. Ao longo do treito hai actualmente unha estrada con sección de plataforma moi irregular, sen espazos adecuados para o tránsito peonil. A través desta actuación, ademais de garantir e mellorar o acceso peonil á contorna da igrexa, tamén se renovará o pavimento, se mellorarán os sistemas de drenaxe de augas e servizos básicos e se cambiará tanto o actual mobiliario urbano como a xardinería.
As obras levaranse a cabo nun área conformada por distintos accesos a espazos relixiosos de elevado tránsito, polo que é necesario garantir unha continuidade peonil que faga a contorna máis accesible e atractiva para os usuarios. “É unha actuación moi importante, que vai mellorar un espazo singular de Arbo e que beneficiará a todos os veciños e veciñas”, asegurou o presidente provincial, Luis López.