A Deputación impulsa un certame educativo, con premios valorados en 4.500 euros, para dar a coñecer a obra da poeta galega no que os participantes deberán gravar unha peza audiovisual recitando poemas de Rosalía de xeito teatralizado
“Nacín en Rodeiro, vivo en Vilagarcía e traballo en Pontevedra. En todos eses lugares, con toda a xente que teño oportunidade de falar, fágoo en galego”, ilustra López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, convida a toda a cidadanía da provincia a facer uso da lingua galega con motivo da conmemoración do Día de Rosalía de Castro e do Día Internacional das Linguas Maternas. Dúas datas sinaladas que a administración provincial celebrou coa organización dun acto con alumnas e alumnos de terceiro de Primaria do CEIP Campolongo, de Pontevedra, que recitaron poemas da autora galega e desfrutaron do espectáculo infantil “Buscando a Rosalía” a cargo da narradora Raquel Queizás. Acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; o presidente Luis López aproveitou o encontro cos estudantes para recitarlles unha estrofa do poemario Cantares Gallegos e convidar tanto ao alumnado como ao conxunto da poboación a “que coidemos, promovamos e utilicemos o galego. Esa é a invitación que vos quero facer desde a Deputación”.
No vestíbulo do Pazo provincial reuníronse arredor de 75 alumnas e alumnos de terceiro de Educación Primaria do CEIP Campolongo para participar nos actos de conmemoración do Día de Rosalía de Castro. Despois da benvida por parte do vicepresidente Domínguez, tomou a palabra o presidente Luis López, quen recitou a seguinte estrofa: “Mimosa, soave / sentida, queixosa; / encanta si ríe, / conmove si chora”, para , a continuación, formular unha adiviñanza aos escolares. “Sabedes de que fala?”, cuestionou López. “Da lingua galega”, resolveu unha alumna despois de achegar o mandatario provincial unha serie de pistas. Despois deste xogo, o protagonismo asumírono os estudantes ao recitar a coro dous poemas da poeta nacida en Padrón. Rematou o recital o deputado Jorge Cubela, que agradeceu a visita e deu paso ao espectáculo con narración oral e monicreques de Raquel Queizás titulado “Buscando a Rosalía”.
Con motivo da celebración destas dúas xornadas —a de Rosalía de Catro a das Linguas Maternas—, Luis López presentou tamén un certame educativo impulsado pola Deputación para coñecer a figura de Rosalía e promover o uso da lingua galega. Trátase dun certame no que os centros da provincia que decidan participar deberán gravar unha peza audiovisual protagonizado polo alumnado, incluíndo música, ambientación, vestiario e actuación; recitando algún poema de Rosalía de Castro. Haberá catro categorías de premios por tramos de idade: “Campaniñas”, para os cursos de 1º, 2º e 3º de Primaria; “Airiños”, para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria; “Fontiñas”, para os catro cursos de Secundaria; e “Paxariños”, para Educación Especial. En total repartiranse premios valorados en 4.500 consistentes en produtos didácticos, culturais e musicais. O prazo de inscrición remata o 17 de marzo.
“Eu nacín en Rodeiro, vivo en Vilagarcía e traballo en Pontevedra. En todos eses lugares, sempre, sempre, sempre, con toda a xente que teño oportunidade de falar, fágoo en galego”, sinalou o presidente provincial para animar aos estudantes e a toda a cidadanía a comunicarse en lingua galega.