O Concello de Piñor informa da realización de dúas actividades con motivo do vindeiro 8M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
O tema da igualdade de xénero e a loita por acadar esa igualdade efectiva e real entre mulleres e homes require dunha implicación por parte de tódalas administracións. Máis concretamente, a infancia e adolescencia son un colectivo co que hai que traballar o tema de forma prioritaria, así como coas nais e pais, pois se educamos en igualdade crearemos futuras persoas adultas responsables e respetuosas. Dende o Concello de Piñor son moitas as iniciativas que, ó longo do ano, se levan a cabo neste eido, tanto actividades directamente destinadas ó tema da igualdade como iniciativas de tipo transversal, tratando de incluir o tema da igualdade en diversas actividades infantís de conciliación que se levan a cabo.
O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é precisamente un servizo que traballa directamente este tema, tanto coas familias usuarias como nas actividades comunitarias que leva a cabo. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027, levarase a cabo a actividade “CONTIGO: ESPAZO DE XOGO COEDUCATIVO”. Trátase dun espazo multixogo onde poder atopar recunchos variados para divertirse en familia. Cada persoa poderá percorrer o circuito de xogos libremente e xogar ca familia ou mesmo interactuando con outras persoas ata que todos xuntos se reúnan nun xogo común que será un BINGO FEMINISTA (con agasallos es sorpresas). Os espazos terán xogos de habilidade mesturados con xogos atribuidos socialmente a algún dos xéneros (canicas, bonecas, cociñas, futbolín, maquillaxe …) e contarán con carteis explicativos nos que ver os xogos dende unha perspectiva machista ou de igualdade. As familias contarán co acompañamento e animación de profesionais que farán o circuito moito máis divertido e ameno. Xogo libre e por momentos guiado para darnos momentos nos que xuntarnos e compartir opinións. Unha actividade que convida ao xogo e tamén á reflexión sobre o mundo no que vivimos e o futuro que queremos. “CONTIGO” terá lugar o sábado 8 de marzo de 17:00h a 19:00h no Centro Cultural de Arenteiro (na zona exterior, se o clima o permitise).
Outra das iniciativas municipais que se levará a cabo con motivo do 8M será un Curso de Autodefensa para mulleres, que se desenvolverá os días 22 e 29 de marzo de 10:00h a 14:00h tamén no Centro Cultural de Arenteiro. O prazo de inscrición xa está aberto, e será de balde, podendo formalizarse en Servizos Sociais. O curso terá formación teórica e práctica, seguindo o método MAS, unha metodoloxía de Defensa Persoal Feminina, para aprender a empregar o corpo e a mente contra as ameazas do día a día. Non só busca ensinar ás mulleres a defenderse, senón tamén axudar a recoñecer as sinais de perigo e actuar de xeito preventivo para lograr anticiparse e evitar unha situación de risco. Trátase dunha actividade concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e no marco do Acordo de Colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia, grazas a que o Concello de Piñor está integrado dentro da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero.