O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou esta tarde no Museo de Pontevedra o Torneo do Ano 2025, organizado a favor da Asociación Española Contra o Cancro e que celebrará a súa terceira edición en abril no campo de fútbol Manolo Barreiro. Na proba, que se retransmitirá a través da canle de Twitch de Javier Domínguez, o seu organizador, participarán 16 equipos amateurs e daranse cita influencers do ámbito deportivo.
Durante o acto de presentación, Domínguez subliñou a importancia de eventos como este para “avanzar no reto de superar o 70% de supervivencia de cancro no ano 2030”. Por este motivo agradeceu aos organizadores e persoas implicadas na súa celebración “o seu esforzo e compromiso para concienciar na loita contra o cancro” a través do deporte, “fundamental para construír sociedades máis sas”.