Ao berro de: “Lume aos que branquean o franquismo e aos que tratan de resucitar os totalitarismos!” este Martes de Entroido Redondela queimou ao seu Meco, representado na figura de Franco e o deputado José Luis Ferro.
Coa música da reivindicativa “Bella Ciao” o Meco ardeu. O pregón comezou coa retransmisión da histórica locución de Arias Navarro en 1.975: “Españoles, Franco ha muerto”. O manifestou lembrou que este ano celebramos “que o Caudillo leva 50 anos soterrado”, e aínda hai quen prefire “branquexar a Historia, banalizar o acontecido e facerse o esquecido”. O Meco non quixo esquecer o exemplo da Illa de San Simón “usada como prisión e na que Ferro Iglesias nega que houbera mortes e fusilamentos, pretende que borremos esa parte do noso pensamento”. O pregón tivo palabras de recoñecemento para as “madriñas, veciños e veciñas, que axudaron a aqueles presos que morreron de inanición, frío ou desatención”.
Centos de persoas ateigaron a Alameda Castelao e as rúas do centro da vila para vivir o espectáculo. Co Meco queimouse “aos que atentan contra os dereitos e a liberdade, aos que inventan falsas noticias, bulos e mentiras”. O pregón pediu “que o lume ceibe a San Simón de xincanas e festivais, que non sexa o retiro de iogas espirituais. Que se respecte a Illa da Memoria e que o lume permita a Redondela seguir defendendo a verdade, a xustiza, os dereitos e a dignidade”.
Os lumes de artificio e o espectáculo “Pachamama”, de Troula Animación, completaron a xornada festiva e reivindicativa do Martes de Entroido.
O grupo local “Los ásperos” son os encargados de pechar a xornada cun concerto tributo á mítica banda de Los Suaves na Praza da Constitución.