A artista fenesa tamén ofrecerá un obradoiro de escultura colectiva o sábado 29 en Santa Mariña do Monte
A artista fenesa Saila Chao López ten aberta desde este luns na Galería do Concello a súa exposición “Xeitos de pasar un charco”, unha mostra que convida á reflexión sobre as diversas maneiras de afrontar os problemas e a descubrir a beleza oculta nas emocións. A exposición, que pode visitarse ata o 28 de marzo, presenta unha colección de acuarelas, collages acrílicos e outras obras que destacan polo seu estilo “kitsch” ou “naif”, caracterizado por abordar temas profundos cunha aparencia infantil. Ademais de protagonizar esta exposición, encadrada nas actividades do 8M, Chao López tamén dirixirá un obradoiro de escultura colaborativa que terá lugar o sábado 29 de marzo no local social de Santa Mariña do Monte.
“Son pintora desde pequena, é algo que me vén innato”, confesa Saila Chao López, nacida na parroquia fenesa de Barallobre. Estudou Belas Artes e antes de rematar a carreira marchou traballar fóra. Tempo andando regresou e instalouse en Narón, onde reside na actualidade e desde onde espalla a súa arte non só como pintora, senón como artista plástica multidisciplinar que tamén abrangue a escultura ou o teatro.
Disciplinas que se enfían pola dinámica creativa, pero tamén pola expresión e a provocación de sentementos. “Xeitos de pasar un charco”, a exposición que enche a galería, pretende ser “unha ponte entre o mundo que se ve e o mundo das emocións”. Un obxectivo que se materializa a través da acuarela, a súa técnica predilecta pola rapidez e inmediatez da súa execución e, sobre todo, porque permite plasmar o movemento e os mundos interiores dun xeito singular.
“O meu estilo é un pouco kisch ou naïf. Fala de cousas serias pero sempre con aparencia infantil. Por exemplo esta exposición titúlase “Xeitos de pasar un charco”, que é como a diferente forma que ten a xente de afrontar os problemas. Ás veces se cambias a perspectiva o problema xa non o é senón que podes sacar unha resiliencia dese problema, saír máis forte. Un pouco vai por aí o traballo, de como unha xente afoga, outros o bordean, outros chapotean…”, explica Saila.
O percorrido por “Xeitos de pasar un charco” pode facerse só mirando e reflexionando sobre cada cadro ou ben analizando os significados que a artista transmite co reforzo da poesía e a música, gracias aos poemas dispostos estratexicamente no percorrido e á playlist -á que se accede cun QR- coas cancións que a acompañaron na realización de cada obra. “Busco que o público se deixe levar e que cada un pense o que queira dos cadros, porque son moi ambiguos”, explica.
A exposición “Xeitos de pasar un charco” estará aberta ao público ata o 28 de marzo e pode visitarse de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas na Galería da Casa do Concello de San Sadurniño.
Obradoiro colaborativo de escultura o día 29
Ademais de traernos a exposición de acuarelas, Saila Chao tamén impartirá un obradoiro de escultura en colaboración coa Asociación Cultural Recreativa de Santa Mariña do Monte. Será o sábado 29 de marzo ás 11:00h no local social da Golpilleira.
Na actividade farase unha obra colectiva que represente a unión e a rede de coidados que supoñen as mulleres unhas para outras e para toda a comunidade. Cada persoa construirá varias pezas traballando con cartón prensado e moita cor. Esas pezas, ás que se lle engadirán varias frases e lembranzas, uniranse ao final do obradoiro para compoñer a escultura.
As prazas son limitadas e para a inscrición hai que chamar ao 695 876 178 ou enviar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.