- O curso arrancou este mércores e continuará o 12, 19 e 26 de marzo no local de benestar social
Unha vintena de mulleres participan no obradoiro de autoestima que comezou esta semana e que organiza o Concello de Bueu, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM). Este taller é impartido pola psicóloga do CIM e pretende ofrecer ferramentas para que as mulleres poidan exercer unha vida plena e valorar as propias capacidades.
Entre as cuestións que se van tratar serán a definición da autoestima e a súa construción, exercicios para a confianza persoal, técnicas para descubrir os recursos persoais e afrontar os pensamentos negativos, así como a creación dun discurso sobre a propia valoración persoal. O obxectivo é que as participantes poidan modificar as súas debilidades e mellorar as súas fortalezas para lograr avances na súa vida persoal e profesional.