Durante o Congreso Internacional da Camelia de Xapón tamén se darán a coñecer as investigacións nas que traballa a institución provincial para buscar solucións ao fungo Ciborinia camelliae e as variacións na composición de catequinas e L-teanina no té verde producido na Finca Areeiro
A delegación pontevedresa en Tokio, encabezada polo presidente Luis López, presentará o Xardín de Excelencia Internacional de Camelias da Finca Areeiro como nova incorporación á Ruta da Camelia e participará en reunións da International Camellia Society e do grupo de conservación de camelias históricas
A Deputación de Pontevedra manterá unha completa axenda de traballo durante o Congreso Internacional da Camelia que se está a celebrar desde hoxe e ata o 13 de marzo en Xapón. A delegación pontevedresa, encabezada polo presidente provincial, Luis López, xunto co deputado de Acción Comunitaria e da Finca Areeiro, Javier Tourís, explicará en Tokio os avances na posta en marcha de plantacións comerciais de té na provincia de Pontevedra e o plan estratéxico desenvolvido para conseguilo.
Durante o Congreso Internacional da Camelia de Xapón daranse a coñecer as investigacións nas que traballa a institución provincial para buscar solucións ao fungo Ciborinia camelliae, que afecta ás flores deste xénero e que está xa a provocar graves perdas en todo o mundo, non só a nivel ornamental senón tamén económico. Ademais, a Deputación tamén detallará a variación na composición de catequinas e L-teanina no té verde producido en Areeiro, ao longo dos meses de brotación da planta.
A Finca Areeiro como Xardín de Excelencia Internacional de Camelias e nova incorporación á Ruta da Camelia será presentada durante a xuntanza en Xapón e o organismo provincial terá tamén presenza na reunión de directores e representantes da International Camellia Society, na que se aprobarán as contas e presentarán novas ideas, así como detallará o estado das entidades/persoas sociais. Ademais, o organismo provincial formará parte da reunión do grupo de conservación de camelias históricas, ata onde está previsto levar durante o Congreso Internacional da Camelia de Xapón novas propostas de exemplares da provincia.
A delegación pontevedresa porá o broche de ouro á súa intensa axenda en Xapón con xuntanzas con distintos organismos para avanzar na promoción da camelia e da provincia a nivel internacional. “Imos irmandarnos cun país, Xapón, co que compartimos a devoción por unha flor, a camelia, que xa é emblema das Rías Baixas”, asegurou o presidente provincial Luis López quen engadiu que “grazas á nosa participación neste congreso e a esta flor que marabilla e nos abre as portas a nivel internacional, poremos Rías Baixas no mapa”.