O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na comisión de Política Económica (ECON) do CdR, no que se debateu o estudo que destaca a Galicia como rexión pioneira na regulación e impulso da IA
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na segunda sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do oitavo mandato do Comité Europeo das Rexións (CdR). As rexións e cidades debateron, entre outras cuestións, sobre política dixital e o uso da intelixencia artificial (IA) por parte das autoridades públicas. No marco deste debate, presentouse o estudo do CdR sobre a adopción da IA por parte das administracións locais e rexionais.
Este documento define a Galicia como pioneira por ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial tanto para regular a súa utilización como para impulsala e promover o seu desenvolvemento. Segundo este estudo, trátase dunha iniciativa de vangarda que destaca polo seu carácter innovador e potencial para a gobernanza e a regulación desta tecnoloxía.
As rexións e cidades tamén definiron o seu programa de traballo para 2025, marcando como áreas prioritarias a competitividade da industria local e rexional, o impulso transformación dixital para reducir as desigualdades, a resiliencia do mercado único para eliminar barreiras ou a simplificación dos trámites administrativos e burocráticos para facilitar o investimento.
Debateuse, ademais, sobre o Compás para a Competitividade aprobado en xaneiro pola Comisión Europea, o primeiro gran marco lexislativo que orientará o traballo do executivo comunitario para abordar os retos aos que debe facer fronte para mellorar a súa competitividade, e sobre o marco financeiro plurianual para o período posterior a 2027.
Galicia nas comisións ECON e CIVEX do CdR
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.