O proxecto busca descubrir as orixes e xeanoloxías artísticas desta xoia do barroco que celebra 300 anos de historia
Será un traballo transfronteirizo que levará tamén a investigar a arte de igrexas do norte de Portugal
O Rosal escribe unha nova páxina na súa historia patrimonial e cultural cun convenio sen precedentes coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para investigar o retablo barroco da Igrexa de Santa Mariña. Unha alianza estratéxica que permitirá afondar no valor artístico e documental desta peza relixiosa, da que aínda se descoñecen datos clave, como a identidade da man autora, o taller de orixe ou as influencias estilísticas que a inspiraron.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández; o investigador e Catedrático da USC, Juan Manuel Monterroro Montero; a historiadora da arte e investigadora Noa Rodríguez; e o párroco da igrexa de Santa Mariña, D. Julio Ramos, realizaron este luns unha breve visita ao retablo.
A rexedora destacou a importancia deste proxecto, xa que “a cultura e a historia son piares fundamentais da nosa identidade. Con este convenio coa USC damos un paso moi importante na posta en valor, reivindicación e recuperación do noso patrimonio. Non podemos valorar o que non coñecemos, e grazas a este traballo arroxaremos luz sobre unha das nosas grandes xoias artísticas”. “Unir o coñecemento da propia universidade coa realidade directa do Rosal é algo moi innovador que xa implantamos na área de maiores ou no desenvolvemento económico do concello e que agora trasladamos tamén a patrimonio”, resaltou Fernández Callís
O estudo estará liderado polo catedrático da USC, Juan Manuel Monterroso Montero, e permitirá afondar no contexto histórico e artístico do retablo, non só documentando a súa orixe, senón establecendo paralelismos co patrimonio relixioso do norte de Portugal. A metodoloxía incluirá o traballo de campo, a comparación con outras obras e a investigación en arquivos históricos. Neste proxecto participará a investigadora predoutoral rosaleira Noa Rodríguez, historiadora da arte.
Pola súa banda, o párroco da Igrexa de Santa Mariña, D. Julio Ramos, amosou a súa satisfacción porque o Concello en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela aposte por facer este traballo de investigación que inicia o camiño de recuperación do patrimonio rosaleiro. Como recalcou a alcaldesa, “este traballo pode ser o punto de partida de moitos máis proxectos enfocados á recuperación patrimonial”.
O proxecto desenvolverase ao longo de tres meses en diferentes fases, combinando a revisión documental con traballo de campo, levando a cabo unha comparativa con outros retablos do norte de Portugal para determinar similitudes estilísticas, iconográficas e materiais. Os resultados difundiranse mediante un artigo científico e a súa posible publicación en revistas especializadas.
Con este convenio, O Rosal reafirma o seu compromiso coa protección do seu patrimonio, contribuíndo á posta en valor do patrimonio cultural relixioso local, promovendo a colaboración entre persoal investigador e entidades locais para a conservación do patrimonio e fomentando intercambio de coñecementos entre Galicia e Portugal no ámbito da arte relixiosa barroca.