- José González puxo en valor a importancia de ambas iniciativas, encadradas no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna, como unha ponte fundamental entre as diferentes xeracións da diáspora galega
- O programa ‘Reencontros con Galicia’, no que participaron 34 persoas no Uruguai, permite aos maiores de 65 anos que un día marcharon poder visitar de novo a súa terra, reconectando coas súas orixes
- Pola súa parte, ‘Conecta co Camiño’, do que se beneficiaron 10 rapaces e rapazas no país, ofrece á mocidade galega que reside fóra da Comunidade a oportunidade de realizar a ruta xacobea e descubrir unha das iconas máis emblemáticas de Galicia
- O conselleiro lembrou que encontros coma este son chave para continuar escoitando as necesidades da colectividade galega e trasladarlles o compromiso da Xunta co seu benestar e co seu futuro
- Así mesmo, remarcou as oportunidades e apoios que ofrece a Comunidade galega para aqueles que desexen retornar, como quedou de manifesto nas recentes feiras de emprego impulsadas na Arxentina e no Uruguai
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e da delegada da Xunta en Uruguai, Elvira Domínguez, mantivo un encontro coa colectividade galega en Montevideo co obxectivo de facer entrega dos diplomas aos participantes da última edición dos programas Reencontros con Galicia e Conecta co Camiño, ambos impulsados pola Xunta para seguir fortalecendo os lazos coa súa diáspora.
González puxo en valor a importancia de ambas iniciativas —encadradas no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna— como unha ponte fundamental entre xeracións, permitindo aos maiores de 65 anos que un día marcharon poder visitar de novo a súa terra de orixe ou ben ofrecendo á mocidade galega que reside fóra das nosas fronteiras a posibilidade de conectar coas súas raíces a través do Camiño de Santiago e da ruta xacobea.
Así, na última convocatoria, un total de 200 participantes -dos cales 34 eran do Uruguai- puideron desfrutar do primeiro dos programas, Reencontros con Galicia, para reecontrarse coas súas raíces galegas e explorar as paisaxes e enclaves máis emblemáticos da xeografía galega. No caso de Conecta co Camiño, foron 60 mozos —10 do Uruguai— os que tiveron a oportunidade de vivir a experiencia da peregrinaxe a Santiago, unha das iconas patrimoniais, culturais e turísticas máis importantes da Comunidade.
José González agradeceu aos participantes e ás distintas entidades a súa colaboración en ambas iniciativas, poñendo en valor o seu papel como os mellores embaixadores de Galicia no mundo. Ademais, engadiu que encontros coma este son chave para continuar reforzando os lazos coa colectividade galega neste país, escoitar as súas necesidades e trasladarlles o compromiso da Xunta co seu benestar e co seu futuro, garantindo a preservación da cultura galega no mundo. Así mesmo, lembrou as oportunidades e apoios que ofrece a Comunidade galega para aqueles que desexen retornar, como quedou de manifesto nas recentes feiras de emprego impulsadas na Arxentina e no Uruguai para conectar o talento retornado coas vacantes laborais que ofrecen empresas e sectores estratéxicos galegos, como o agroalimentario, as TIC, a loxística, as enerxías renovables ou o metal mecánico.