HomeA CoruñaMúsica, teatro ou fotografía: novas citas culturais na segunda semana de marzo

Música, teatro ou fotografía: novas citas culturais na segunda semana de marzo

- Anuncio -spot_img

Volven as representacións dos Venres Culturais, nova sesión do Curruncho Pop e comeza o curso “Na procura do estilo fotográfico”

Aínda coa resaca do Entroido, esta semana volve a Carballo a programación de Cultura con Forza con fotografía e teatro: un curso co experto Ángel Cordero e a última proposta da compañía Talía. Ademais hai dúas exposición que aínda poden visitarse no Pazo da Cultura. Por outra banda, a Biblioteca Rego da Balsa acolle unha nova presentación literaria e un concerto do ciclo Curruncho Pop.

O mércores 12 de marzo comeza un curso de fotografía incluído no programa A través da lente, que pretende poñer en relación diversas accións de fomento e difusión do mundo da imaxe e do audiovisual. Titulado Na procura do estilo fotográfico, trátase dun encontro para amantes da fotografía e da imaxe que está dirixido a afeccionados á fotografía e ás artes plásticas. Ángel Cordero Gómez, ex profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, é o encargado de impartir esta formación que ofrece unha reflexión sobre como nos representan as nosas fotografías e como queremos que nos representen. Ao longo das sesións as e os asistentes reflexionarán sobre as ideas e estratexias para adquirir un estilo propio.

O curso impartirase repartido en tres citas os mércores 12 e 26 de marzo e 9 de abril en horario de 19.30 a 21.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura. Hay que subliñar que a iniciativa cubriu as 30 prazas que estaban dispoñibles, tendo en conta que a demanda duplicou a oferta e que a admisión realizouse por orde de inscrición, mais tendo preferencia os e as participantes en calquera das últimas cinco edicións do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís. Organiza a Concellaría de Cultura.

Xa no marco dos Venres Culturais, o teatro volve despois de descansar durante o Entroido con Talía Teatro e Un deus salvaxe. Na peza, dous nenos duns once anos enfróntanse con violencia nun parque. Beizos inchados e dous dentes rotos… Os pais da vítima convidan á súa casa aos pais do neno agresor para resolver o conflito. O que comeza sendo unha charla con bromas e frases cordiais, adquire un ton máis violento a medida que os pais van revelando as súas ridículas contradicións e grotescos prexuízos sociais. Talía afronta un texto moi importante na escena internacional, da autora Yasmina Reza, que é puro guión, puro diálogo e pura interpretación. Adaptado por Artur Trillo, Talía ofrécenos unha oportunidade para achegarnos a unha sociedade cunha cara oculta.

Talía Teatro é unha compañía creada en Cee en 1988. As súas propostas contan cunha marca con denominación de orixe que define un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe en día está consolidada como unha das compañías galegas con máis capacidade de produción e distribución e ten visitado Carballo cos seus espectáculos en numerosas ocasións. No seu palmarés contan con 24 premios María Casares de Teatro ou cun premio Max a mellor texto teatral en galego por Pelos na lingua.

A cita para ver Un deus salvaxe é o venres 14 de marzo ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo, dirixido a público adulto, é de 85 minutos. O prezo da entrada é de 7€, 4€ con prezo reducido. Colabora a Rede Galega de Teatros e Auditorios.

➢ Contacto de Talía Teatro: Artur Trillo | 630 877 153

Xa o sábado complétase a semana coa música do Curruncho Pop. O sábado 15 de marzo ás 19:30 horas será a presentación do libro ‘The Byrds. Más jóvenes que ayer’ e posteriormente haberá un concerto de Os Birdiños. A segunda cita do Curruncho Pop será unha homenaxe ao grupo americano de mediados dos sesenta e os setenta, creadores dun son propio que máis tarde se coñeceu como jungle pop, caracterizado no seu caso pola guitarra de 12 cordas e o tratamento das voces. Fixéronse populares facendo revisións pop de parte do cancioneiro folk de Bob Dylan. Falará do grupo Fernando López Chaurri, autor do libro que se presenta. Organiza a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística.

Exposicións

Por último, hai que lembrar que está prorrogada a exhibición da exposición O son do nordés, da artista plástica vinculada a Carballo Loli España. Estaba previsto que rematara o 28 de febreiro, pero aínda pode visitarse en horario de 17.00 a 21.00 horas na sala do andar -1 do Pazo da Cultura. Organiza a Concellaría de Cultura.

Ademais, a sala Alberto Gende do 3º andar do Pa zo da Cultura acolle unha mostra das obras premiadas na 18º edición do Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, organizado pola Deputación da Coruña e que constitúe todo un referente no eido da imaxe. Este ano a serie “Alén” de Vicente Fraga, foi a gañadora do certame. Quen queiran visitar a exposición, poden facelo de luns a sábado de 17.00 a 21.00 horas até o 18 de marzo. Organiza a Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.

Publicacións Relacionadas