A peza teatral, para maiores de 12 anos, poderá verse o sábado 15 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal
+Escénicas trátase dun circuíto de teatro e danza promovido pola Deputación para os concellos de menos de 20.000 habitantes, que na súa segunda edición contará con 195.000 euros
A Deputación de Pontevedra leva o próximo sábado 15 de marzo ao Concello de Covelo unha actividade enmarcada no circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de espectáculos de artes escénicas nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, e cuxa segunda edición foi xa convocada cun orzamento de 195.000 euros fronte aos 150.000 euros da primeira. Esta función correspóndese á programación do primeiro circuíto, que completará a súa andaina este mes de marzo tras percorrer 49 concellos.
En Covelo representarase ás 19:00 horas no Auditorio Municipal “Feminíssimas”, centrada nun congreso feminista na cidade de Vigo, no que se atopan tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven e que teñen tres maneiras distintas de entender o feminismo. Este é o eixo da obra de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Con altas doses de humor, ironía e complicidade analiza de que maneira as mulleres conviven no actual mundo feminista.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello corresponderalle no segundo ciclo do circuíto unha achega máxima de 3.800 euros para financiar ata cinco espectáculos, incluídos nun amplo catálogo de danza e teatro posto á súa disposición (e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra).