― Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, de acondicionamento do firme nun total de 4 estradas autonómicas que pasan tamén polos municipios de Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría, cun investimento de case 3M€
― A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Ponteceso, José Manuel Mato e Malpica, Eduardo Parga, e pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron, esta mañá, a zona na que se levará a cabo a reposición do firme na AC-419 ao seu paso polo concello de Malpica e Ponteceso. Concretamente, do punto quilométrico 0+000 ao 1+960 no concello de Malpica de Bergantiños, e do punto quilométrico 1+960 ao 11+300 no concello de Ponteceso. En total máis de 11 quilómetros.
A representante do Goberno autonómico explicou que os traballos, que se licitan hoxe, contan cun orzamento de case 950.000 euros e consistiran en fresados localizados e na súa reposición, segundo as necesidades concretas da vía obxecto desta intervención. Nos treitos nos que se detecta un maior número de accesos a vivendas, aparcadoiros e bordos está previsto o fresado desde o límite da actuación e a súa reposición en ancho de carril completo e nas zonas nas que sexa necesario intervir na estrutura do firme existente (rodeiras, afundimentos ou fisuras) levarase a cabo o asfaltado en función do estado das mesmas.
A delegada da Xunta explicou que esta actuación inclúese nun contrato máis amplo, que abarca un total de 4 estradas autonómicas, nas que se inclúe a estrada AC-419 ao seu paso por estes dous concellos, e outras 3 máis da provincia da Coruña (AC-432, AC-411 e AC-442) que pasan polos municipios de Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría, cun investimento de case 3M€ e benefician a unha poboación de preto de 43.000 habitantes dos 8 concellos. As actuacións contempladas neste proxecto non implican a realización de ningunha expropiación, xa que están todas incluídas dentro da franxa de dominio público.
Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.
Belén do Campo destacou que esta intervención forma parte do esforzo da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria.