HomePontevedraBaixo MiñoO Concello traslada á Xunta a necesidade de tomar medidas para garantir...

O Concello traslada á Xunta a necesidade de tomar medidas para garantir a seguridade nas estradas autonómicas do Rosal

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa acompañou ao director territorial da Consellería de Infraestruturas e ao xefe de servizo provincial nunha visita ás PO-353 e PO-552 realizada a petición do Concello

A rexedora trasladoulles a preocupación veciñal sobre a falta de seguridade na PO-353 entre Pancenteo e Fornelos, onde a Xunta ten pendente rematar a senda peonil

O Rosal volveu poñer sobre a mesa a necesidade urxente de melloras na seguridade viaria das estradas autonómicas PO-353, que conecta A Guarda con Fornelos, e PO-552, en Tabagón. Despois da reunión mantida coa conselleira de Infraestruturas a finais de xaneira, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, acompañou ao director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas en Pontevedra, José Manuel González, e ao xefe de servizo provincial, Manuel González Juanatey, nunha visita a ambas vías realizada a petición do Concello para avaliar as problemáticas de seguridade existentes nestas zonas e valorar accións urxentes.

A rexedora trasladoulles a preocupación veciñal sobre a falta de seguridade na PO-353 entre Pancenteo e Fornelos, onde a Xunta ten pendente de rematar a senda peonil. “Estamos a falar dunha vía con moito tráfico e na que se atopan tres escolas unitarias, a de Pancenteo, Novás e Fornelos, polo que urxe tomar medidas que garantan a seguridade de rosaleiros e rosaleiras, especialmente na contorna destes tres centros”, destacou Fernádez Callís.

Durante o encontro, o delegado territorial comprometeuse a estudar a situación para definir accións concretas que melloren a seguridade na zona, tanto a curto como a longo prazo. Dende o Concello insistiuse na necesidade de rematar o proxecto da senda e de implementar medidas inmediatas mentres no se leve a cabo en puntos especialmente conflitivos.

Ademais, durante a visita alcaldesa e representantes da Xunta revisaron o paso de peóns situado fronte ao estanco no quilómetro 53 da PO-552 en Tabagón, unha lugar de cruce nunha estrada de titularidade autonómica empregado por un elevado volume de persoas a diario. O Concello trasladou á Xunta os problemas detectados, as peticións feitas pola veciñanza neste sentido e a necesidade de mellorar a seguridade neste punto estratéxico para evitar riscos.

A alcaldesa quixo agradecer a boa disposición do director territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a importancia de manter unha colaboración institucional fluída: “Que os responsables autonómicos veñan sobre o terreo e vexan de primeira man as problemáticas é fundamental para avanzar nas melloras que a nosa veciñanza leva tempo demandando”.

Publicacións Relacionadas