HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación reflexiona esta fin de semana sobre xornalismo e opinión no...

A Deputación reflexiona esta fin de semana sobre xornalismo e opinión no oitavo foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’

- Anuncio -spot_img

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os relatorios de quince xornalistas, tanto figuras recoñecidas como novas promesas, con especial énfase na cobertura internacional ou o xornalismo de investigación en tempos de desinformación e sobreinformación

A Deputación acaba de convocar a terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan, que recoñecerán con 2.000 € os mellores artigos escritos por mulleres en galego e castelán sobre a experiencia de asistir ao encontro ou sobre as temáticas que nel se aborden

O Teatro Principal de Pontevedra acolle estes venres e sábado 14 e 15 de marzo a oitava edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Pontevedra no marco da súa campaña Malabares ata cando?, co que reivindica a igualdade durante o mes de marzo co gallo da conmemoración do 8M. Quince mulleres do xornalismo estatal, tanto figuras de autoridade, recoñecemento e popularidade como outras aínda máis descoñecidas pero que comezan a facerse o seu oco no mundo do xornalismo darán altofalante a algúns dos temas de maior preocupación do gremio e tamén darán conta da situación da muller na profesión.

O programa comezará o venres ás 12 horas coa inauguración a cargo de representantes da Deputación e do Concello de Pontevedra, e de Susana Pedreira e Diana López, organizadoras do encontro. Continuará ao longo da mañá e a tarde da man de María Piñeiro e Antía Yáñez, gañadoras do segundo premio #MulleresQueOpinan; Noelia Adánez, coordinadora da sección de opinión no diario Público; Aida Bao Pena, xornalista da Cadena SER; Inés Martín Rodrigo, xornalista e escritora do grupo Prensa Ibérica e RNE; e Anna Bosch, correspondente de TVE. O sábado 15 terán lugar os relatorios de María Hermida, xornalista de La Voz de Galicia; Macarena Baena, responsable de EFE Feminista; Blanca Lacasa, xornalista e escritora; Raquel Rosa, xornalista da Radio Galega; Ana Marcos e Elena Reina, do equipo de investigación de abusos no cinema de El País; Olga Rodríguez, xornalista especializada en dereitos humanos de elDiario.es; e como gran peche María Escario, recoñecida xornalista de TVE xa xubilada.

A oitava edición volve a Pontevedra como un foro consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista. Este ano o obxectivo de ‘As mulleres que opinan son perigosas’ é reivindicar o papel fundamental que teñen os medios e as profesionais da comunicación nestes tempos de desinformación e sobreinformación. O xornalismo de investigación para destapar casos de violencia sexual e a información internacional terán un especial protagonismo nos relatorios, na procura de coñecer as dificultades destas especialidades dentro do sector.

As quince profesionais amosarán que este foro é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e tamén nos ámbitos de poder e de opinión. Coas novas convidadas deste ano, serán cen as profesionais do xornalismo e da comunicación que estiveron en Pontevedra desde 2018. A asistencia é libre e gratuíta, pero as persoas que queiran ter garantido o seu asento poden reservalo a través dun formulario dispoñible no sitio web da Deputación.

Premios #MulleresQueOpinan
En paralelo á celebración do foro, a Deputación de Pontevedra acaba de convocar a terceira edición dos premios #MulleresQueOpinan. Repartiranse dous premios de 1.000 euros ao mellor artigo escrito por mulleres, un en galego e outro en castelán, que xiren arredor da experiencia de asistir ao encontro ou sobre as temáticas que nel se aborden. Os artigos deberán contar cun titular e un corpo cunha extensión máxima de 3.000 caracteres, espazos non incluídos. Poderanse presentar tanto pezas inéditas como de xornalistas que publiquen contidos sobre as xornadas nos medios para os que traballan.

As mulleres participantes deberán acreditar co propio texto a asistencia, tanto de xeito virtual como presencial ao encontro, e presentar artigos orixinais que non infrinxan dereitos de terceiras persoas. Ademais do premio en metálico, os artigos publicaranse nos principais xornais da provincia de Pontevedra. As interesadas poderán presentar ata dous artigos, un en cada categoría, pero só poderán resultar vencedoras nunha delas. O prazo de presentación de solicitudes comeza tras a celebración do evento, o luns 17 de marzo, e rematará o 8 de abril. O xurado terá en conta a calidade do traballo, a perspectiva de xénero, a defensa dun xornalismo feminista, a mención ao foro e o uso de linguaxe inclusiva.

Publicacións Relacionadas