HomePontevedraCampo LameiroO Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro decide por...

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro decide por unanimidade impoñer o nome do ex alcalde Julio Sayánsa unha rúa

- Anuncio -spot_img

O PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE CAMPO LAMEIRO DECIDE POR UNANIMIDAD IMPOÑER O NOME DO EX ALCALDE JULIO SAYÁNS A UNHA RÚA

Aprobaron tamén conceder novas axudas para o fomento da natalidade e o empadroamento.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro decidiu por unanimidade dos concelleiros asistentes impoñer o nome do ex alcalde Julio Sayáns, recentemente falecido, á rúa que vai desde o Colexio ata o Consistorio, coñecida ata o de agora como a estrada a Codeseda.

Esta proposta, realizada polo actual alcalde Carlos Costa, recibiu o apoio unánime dos grupos municipais e concelleiros asistentes á sesión plenaria na que tamén se aprobou conceder 5 axudas á natalidade e ao empadroamento, 3 correspondentes ao primeiro pago da subvención por dous anos e 2 ao segundo pagamento.

UN TRAXECTO QUE FACÍA TODOS OS DÍAS E CANDO ÍA A ARMONDA

O alcalde Carlos Costa xustificou a elección desta rúa para otorgarlle o nome de Julio Sayáns, concretamente á que enlaza o Consistorio co Colexio Pedro Antonio Cerviño, porque “era un traxecto que facía de xeito habitual todos os días e representan os vértices da súa dedicación e vocación de servizo público en Campo Lameiro, por unha banda como director do colexio e como mestre de varias xeracións de cativos, e outra na súa faceta como alcalde do noso concello durante 36 anos. Tamén percorríaa cando ía á súa querida Armonda, 3 ou 4 veces por semana”.

Carlos Costa argumentou para concederlle a Julio Sayáns o nome dunha rúa o feito de que fora alcalde de Campo Lameiro durante 36 anos, desde o ano 1983 ata o 2019 e director do Colexio Pedro Antonio Cerviño. Tamén sinalou que baixo o seu mandato como alcalde, o concello experimentou unha evolución positiva en canto ao aumento de servizos e infraestruturas salientando mellora da estrada de acceso ao municipio desde Pontevedra, a construción da nova Casa Consistorial e a reforma integral do centro urbano de Campo Lameiro, o polígono industrial da Facha (Redonde), a rede de abastecemento de augas e os sumidoiros, a creación do Centro Cultural e Auditorio Municipal Sobrino Buhígas, o novo campo de fútbol con herba artificial da Chanciña, o campo de fútbol do Chan da Carota (Praderrei), a humanización de varías rúas, a creación da Escola Infantil Galiña Azul, pavillón, ximnasio e piscina municipal, tanatorio e cemiterio de Couso, o tanatorio de Campo Lameiro, traídas de augas, áreas recreativas, fontes e lavadoiros, rutas de sendeirismo, ruta do río Maneses, Biblioteca Municipal, casas do pobo, melloras no Centro de Saúde e no Colexio Pedro Antonio Cerviño, do que foi director.

A construción do Parque da Arte Rupestre de Campo Lameiro serviu para reivindicar e recoñecer en toda Galicia o feito diferencia deste concello como capital galega da arte rupestre, distinción que leva con orgullo desde hai anos e que se convirte en punta de lanza da promoción arqueolóxica, histórica, cultural e turística de todo o municipio.

A última das obras realizadas por Julio Sayáns baixo o seu mandato como alcalde foi o Centro Sociocomunitario, máis coñecido como Centro de Estancia destinado a atender as demandas de lecer e de socialibilidade das persoas maiores.

Publicacións Relacionadas