O Concello de Laxe, a través da Concellería de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, pon en marcha unha nova edición do Certame Creativo de Ovos de Pascua para a Infancia, co obxectivo de fomentar a creatividade e a participación dos máis pequenos en actividades culturais.
Esta quinta edición do certame está dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, tanto residentes como non residentes en Laxe. Os participantes deberán presentar unha única proposta de debuxo creativo de ovo de Pascua, que poderá ser realizada en folio ou cartolina A4, decorada ao seu gusto con debuxos, cores e elementos plásticos.
Categorías de participación
O certame dividirase en tres categorías, en función da idade dos participantes:
- Categoría Infantil: de 3 a 5 anos.
- Categoría Primaria 1: de 6 a 9 anos.
- Categoría Primaria 2: de 10 a 12 anos.
Prazo de inscrición e participación
O prazo para a inscrición e a presentación dos traballos estará aberto do 30 de marzo ao 15 de abril. Para participar, as familias deberán entregar a solicitude xunto cunha fotografía da proposta no Rexistro Xeral da Casa do Concello ou a través da Sede
Electrónica municipal. Ademais, as imaxes poderán remitirse por correo electrónico a cultura@concellodelaxe.com.
Sistema de votación e premios
As votacións realizaranse entre o 16 e o 19 de abril a través das redes sociais do Concello e mediante mensaxe de WhatsApp ao número 657 771 006. Cada ovo será identificado cun número e a categoría correspondente para garantir a imparcialidade do proceso.
O 20 de abril farase a entrega de premios ás persoas gañadoras. Cada premiado recibirá un gran ovo de Pascua de chocolate como recoñecemento á súa creatividade.
Consulta das bases
As bases completas do certame están dispoñibles na Sede Electrónica do Concello de Laxe e na súa páxina web www.concellodelaxe.com.