O Concello e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua, presentan o programa de actividades
No ano 1900 foi inaugurada a primeira “traída de auga de Carballo”, cunha fonte principal na actual Praza de Galicia (por aquel entón Praza da Liberdade), que se mantén no seu emprazamento orixinal, e outra secundaria “dun só cano”, como recollía a prensa da época, na rúa da Braña. Esta última, bautizada coma Fonte do Pilar, foi trasladada anos máis tarde á praza Alfredo Brañas, onde permanece.
Coincidindo co 125º aniversario dese feito histórico que foi a chegada da auga canalizada a Carballo, e aproveitando a celebración do Día Mundial da Auga, o 22 de marzo, o Concello de Carballo e a empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Gestagua, colaboran na organización dunha serie actividades que, como explicou o concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, “permitirán reactivar a memoria local poñendo en valor dous elementos arquitectónicos emblemáticos da vila; servirán para dar a coñecer o gran esforzo realizado nos últimos anos no ciclo da auga para estendelo á práctica totalidade da poboación, e contribuirán a xerar actitudes respectuosas con respecto á preservación dun recurso natural imprescindible para a vida como é a auga”.
Miguel Vales presentou o programa acompañado polo concelleiro de Obras, Luis Lamas; o alcalde, Evencio Ferrero, e dous representantes de Gestagua, Benigno López, que foi ata hai uns días o xefe do servizo en Carballo, e Carlos Berroy, que ocupa agora ese posto.
Programa de actividades
A proposta arredor do Día da Auga inclúe visitas guiadas ás depuradoras e ás captacións tanto para escolares coma para a cidadanía en xeral. Os colexios e institutos poderán realizalas nos meses de abril e maio, previa solicitude, e para o público en xeral realizarase unha o 14 de abril dentro do programa MercaEscola, aberta á participación de calquera persoa que poida estar interesada.
E o sábado 22 xuntaremos o Día dos Bosques e o Día da Auga nunha xornada popular na que mesturaremos historia, educación medioambiental e festa. O escenario da celebración será a Praza de Alfredo Brañas. Nese punto celebraranse a partir das 11.00 horas obradoiros para nenos e nenas de 3 a 12 anos: “Gotas de auga”, no que crearán pingas decoradas con globos de cor azul, e “Planta unha semente”, na que realizarán macetas para plantar sementes de especies autóctonas. A participación é libre e de balde, aínda que se recomenda inscrición previa nesta ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfs4_lVUOL7knXgAjZI1xyZ4utO2ZG5-leEE66rSNHla8BzjQ/viewform?usp=sharing
O mesmo 22 tamén se realizará unha ruta entre as dúas fontes inauguradas no ano 1900, guiada polo historiador e profesor Xan Fraga Rodríguez. O punto de encontro das persoas que queiran sumarse será a Praza de Galicia. O percorrido comezará ás 12.00 horas e rematará na Praza de Alfredo Brañas, onde se celebrará o fin de festa cunha breve intervención das autoridades e sesión vermú amenizada polo grupo de música tradicional Tanto nos ten e un aperitivo. Tamén se repartirán entre o público postais ilustradas con debuxos das dúas fontes realizadas polo traballador municipal Xaime Díaz, autor da Guía ilustrada de arquitectura de Carballo, cuxo traballo puxo en valor o alcalde.
Relevo na dirección local de Gestagua
Tanto os concelleiros coma o alcalde destacaron a boa relación persoal e profesional e o bo traballo desenvolvido por Benigno López ao longo dos dez anos de contrato, que se cumpren precisamente este ano, e desexáronlle os maiores éxitos na nova responsabilidade que vén de asumir en Madrid. En sinal de recoñecemento e agradecemento, o alcalde fíxolle entrega dunha réplica da fonte da Praza de Galicia, unha figura realizada expresamente para conmemorar os 125 anos da primeira traída de auga de Carballo e que se utilizará como agasallo institucional ao longo deste ano.
Ao mesmo tempo, os representantes municipais deron a benvida a Carlos Berroy, que se incorpora á explotación de Carballo tras máis de vinte anos de servizo en Culleredo, e que na súa estrea pública destacou o importante esforzo realizado polo Concello de Carballo para estender e mellorar o ciclo integral da auga. “Hai que ter en conta que temos 300 quilómetros de rede de abastecemento, unha cifra que acadan moi poucos concellos en Galicia e en España”, destacou.