No día de hoxe presentouse duodécima Gala-Cea organizada pola Asociación Española Contra o Cancro de Ribeira á que compareceron o tenente de alcalde, Vicente Mariño, a presidenta da asociación, María José Carreira xunto con dous membros da asociación.
Esta tradicional gala e cea se celebrará no restaurante Chicolino de Boiro o vindeiro sábado 12 de abril de 2025, onde a gala comezara ás 20:30 h e a posterior cea ás 22:00 h.
A presidenta introduciu o acto e indicou que o mesmo “se celebrará no Salón de Eventos Chicolino “por ser o único local da comarca que nos permite un aforo de 500 persoas”. O prezo por comensal será de 50 euros que inclúe cea e donativos máis custos como o transporte de ida e volta; o punto de venda será a sede da Asociación Española Contra o Cancro en Ribeira (Rúa Estatuto nº1) o luns, mércores e venres de 11:00 h a 13:00 h e os mércores pola tarde de 17:30 h a 19:30 h.
Galardoados
Carreira sinalou que “este ano na gala haberá tres galardoados o primeiro a título póstumo é para o artista Manuel Ayaso pola súa implicación e compromiso con Ribeira e a súa veciñanza; destacando a súa colaboración que sempre tivo con nós dende os inicios no ano 1998 coa xunta local da asociación”. A continuación desvelou o segundo recoñecemento de grupo que foi para a Asociación Cultural Francisco Lorenzo de Aguiño “pola solidariedade amosada cos colectivos desfavorecidos, entre eles a nosa asociación, así coma a súa forte pegada na contorna”. María José rematou cun terceiro recoñecemento de carácter técnico, “para o doutor Salustiano González Vinagre pola súa labor de desenvolvemento e investigación no ámbito das enfermidades oncolóxicas, tamén recordado que ser o primeiro xerente do Hospital Comarcal do Barbanza”.
Carreira rematou agradecendo o apoio constante da concellería de Servizos Sociais presidida polo tenente de alcalde e por extensión ao Concello de Ribeira.
O acto finalizou coas palabras de Mariño de Bricio que tamén se sumou aos agradecementos polo traballo da asociación e se manifestou gratamente sorprendido polos galardoados nesta edición “na que confirmo que é un gran acerto porque todo esta relacionado coa miña parroquia de Aguiño, Ayaso a título póstumo un gran veciño, un gran amigo, unha persoa entrañable en Ribeira, a Asociación Lorenzo Mariño, non podía dicir moito menos, e o doutor está relacionado tamén coa parroquia de Aguiño”. Mariño tirou de datos e de hemeroteca para ilustrar polo miúdo o contexto actual médico-sanitario na loita contra o cancro manifestando “que cada ano saen a relucir douscentos mil e pico de novos casos segundo o observatorio da Asociación Española contra o Cancro; pero estes números son persoas e familias, veciños e veciñas das nosas parroquias, das nosas familias, todos directamente o indirectamente temos casos dista enfermidade que unha vez que chega a unha familia cambia o modus vivendi da casa porque todo comeza a xirar ao redor da patoloxía”.
De Bricio falou “máis que palabras o que fai falla son medios para investigación que grazas á asociacións como a que nos toca aportan o seu grao de area para o avance científico e a loita constante”. Rematou poñendo en valor a compoñente solidaria da sociedade ribeirense.