O Concello do Grove ofrece un Campamento Dixital durantes as vacacións escolares de Semana Santa dirixido a mozos e mozas de 9 a 13 anos. Realizarase no Colexio das Monxas os días 14, 15 e 16 de abril en horario de 9.00-14.00 horas, facilitando así a conciliación familiar e laboral das familias mecas.
Esta actividade é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cibervoluntarios, dentro do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Xuventude e Infancia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.
No Campamento Dixital, os mozos e mozas participantes deberán ir completando etapas e misións para conseguir logros. Deste xeito, en cada aventura irán adquirindo novas competencias dixitais para utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, creativa, segura e responsable.
Ao finalizar, os participantes recibirán un certificado DigComp que acredita os coñecementos e competencias adquiridas na utilización das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións dentro do marco europeo.
As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 21 de marzo e poderán inscribirse na Oficina de Información Xuvenil sita no 2º andar da Casa do Concello ou a través dos seus contactos, 986730609- 886214933, omix@concellodogrove.es