- ADEMAIS DE CONFERENCIAS, TAMÉN SE REALIZARÁN DEMOSTRACIÓNS E SIMULACROS RELACIONADOS CON ESTE CAMPO TANTO POR PARTE DE EMPRESAS COMO DE FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO
- ESTA III FERIA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS TERÁ LUGAR DO 26 AO 28 DE MARZO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, que se celebrará do 26 ao 28 de marzo na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), contará cun interesante programa de actividades centradas na seguridade, con protagonismo do sector da seguridade privada.
Así, neste programa será de gran relevancia o I Foro ADJSE da Seguridade Privada en Galicia, organizado pola Asociación de Xefes e Directores de Seguridade de España (ADJSE) coa colaboración da Asociación Profesional de Compañías Privadas de Servizos de Seguridade (APROSER), a Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade Cidadá (AECRA) e o Colexio Profesional de Detectives Privados e Privada de Galicia (CODEGA).
Inaugurado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e clausurado polo director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, articularase en dous relatorios e tres mesas redondas. Na primeira das conferencias abordaranse os retos e perspectivas da seguridade en Europa, de man de Eduardo Cobas, vicepresidente segundo de CoESS e secretario xeral de APROSER, mentres que a segunda centrarase no presente e futuro da regulación do modelo español da Seguridade Privada, sendo a cargo de Jorge Salgueiro, secretario xeral de AJDSE e presidente de AECRA.
En canto á mesa redonda, que moderará Jesús Blanco, director de Seguridade Fiscal Corporativa de Abanca e presidente de AJDSE Galicia, contará coa participación de cinco reputados profesionais do sector. Estes serán Benito Díaz, Ramón Dopico e Ricardo Sanz, respectivamente directores de seguridade de Sergas Lugo, Banco Santander e Catedral de Santiago; José Ramiro Santos, director zona norte de Prosegur, e Mario Paul Ziegler, decano e presidente do Colexio de Detectives Privados de Galicia.
Así mesmo, destacará outra xornada tamén centrada en seguridade privada, organizada por FTSP-USO coa colaboración da Asociación Profesional de Compañías Privadas de Servizos de Seguridade (APROSER) e a Asociación Española de Compañías Privadas de Seguridade (ASECOPS). A primeira dos relatorios tratará o futuro da seguridade privada e a anticipación ao cambio, a cargo de Luis Gabriel González, director de Asesoría e Relacións Institucionais de ASECOPS; de Eduardo Cobas, secretario de APROSER; e de Basilio Alberto Febles, secretario xeral de FTSP-USO. A segunda delas versará sobre o valor do efectivo e contará coa participación de María Crespo, xerente da plataforma Denaria; Mario Valls, head of external affairs en Loomis España; e Policarpo Ledesma, director xeneral Comercial e Marketing en Iberia Prosegur Cash SA.
Desminado, drons ou ciberseguridade e IA
Ademais da seguridade privada, as xornadas de Sedexpo 2025 centradas na seguridade abordarán outros temas de gran interese durante a feira.
Así, a Vixilancia Aduaneira da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) organizará a conferencia “Cecop: coordinación e dirección de operacións de loita contra o narcotráfico en espazos marítimos”, sendo a encargada de falar deste tema Laura Rebollo, xefa da área de Operacións Aeronavais e CECOP. Ademais, desde Asadesa-Cooperadores Españois para o Desenvolvemento e Desminado no Sáhara expoñerán o desminado humanitario no Sahara. Os seus relatores serán José Murria, TEDAX experto en desactivación de explosivos; Enrique Rubio e Paula Stucchi, expertos en desactivación de explosivos; Jordi Martell, especialista en recoñecemento de explosivos, e Francisco Martínez, técnico de emerxencias sanitarias.
Tamén o Polo Aeroespacial de Galicia incluirá nalgunha das súas conferencias a unión entre drons e seguridade e a Garda Civil realizará unha xornada.
Así mesmo, diversas empresas realizarán conferencias centradas en seguridade, como Ritract Internacional, baixo os títulos “Drons e unidades K9: innovación e colaboración na seguridade cidadá”, “Drons: ciberseguridade e o ceo das oportunidades de negocio”, “Drons, Unha ferramenta clave na loita antiterrorista?”, “Drons e escoltas: o futuro da protección persoal e a seguridade” ou “Drons e pilotaxe remoto: navegando o futuro da aviación”. Representantes das forzas de seguridade, especialistas en pilotaxe de drons, expertos en ciberseguridade ou antiterrorismo, desarrolladores de softwares, empresas de seguridade, profesionais en formación no mundo do dron ou expertos en seguridade privada e protección persoal, ademais de representantes da empresa, participarán nestes encontros.
Tamén Semico Group organizará unha mesa redonda sobre “Seguridade e gobernanza do dato” e unha xornada sobre “Caso de uso de ciberseguridade e IA”, coa presenza de expertos en ciberseguridade.
Ademais destas conferencias, tamén se levarán a cabo demostracións e simulacros tanto por parte de empresas relacionadas coa seguridade como de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, os cales se están ultimando.