HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López presenta o programa +Reto Dixital, un ciclo de obradoiros para...

Luis López presenta o programa +Reto Dixital, un ciclo de obradoiros para ensinar a persoas maiores o manexo das aplicacións da Administración, do banco e do Sergas

- Anuncio -spot_img

O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, detalla a oferta de formación no uso das novas tecnoloxías para persoas maiores de 50 anos que programará 68 obradoiros en 34 concellos do Reto Demográfico da provincia

“Este programa é unha nova mostra de que a Deputación toma o Reto demográfico como o que é, un dos maiores desafíos que afrontamos como provincia”, afirma López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a alcaldes e alcaldesas da provincia a nova ferramenta para afrontar o Reto Demográfico que o goberno provincial pon a disposición dos concellos máis afectados pola perda, avellentamento e dispersión da poboación. Trátase do programa +Reto Dixital, unha oferta de obradoiros para instruír á poboación de 34 concellos da provincia no uso de aplicacións móbiles coma a do Sergas, a banca móbil ou a sede electrónica das administracións. “A través desta primeira convocatoria desenvolveremos un total de 68 obradoiros en 34 concellos da provincia. Dous talleres por concello. É unha iniciativa social que contribúe a construír unha provincia máis accesible, máis cohesionada e máis xusta”, explicou o mandatario provincial nun acto no que tamén participou o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela.

No salón de plenos do Pazo provincial, déronse cita rexedores, concelleiros e técnicos dos concellos máis pequenos da provincia, así como usuarios potenciais destes talleres para coñecer os detalles dun programa que xorde dunha experiencia piloto como foi o “Hub contra a fenda dixital e a soidade non desexada” que se desenvolveu de forma exitosa nos concellos de A Illa de Arousa, As Neves, Moraña e Forcarei. Neste acto, o presidente Luis López explicou o funcionamento dun programa que pon a disposición de 34 concellos da provincia a posibilidade de programar ata dous obradoiros dun catálogo integrado por cinco cursos: Administración electrónica, Uso da sede electrónica da Deputación e da aplicación O Meu Concello (impulsada tamén pola DEPO), Sergas Móbil, uso da aplicación e do servizo de Teleasistencia, Uso da Banca Móbil e acceso a compras electrónicas e Uso das Redes Sociais. Os Concellos interesados en adherirse a este programa que conta cun orzamento de case 30.000 euros, teñen de prazo ata o 31 de marzo para enviar as súas solicitudes. “É unha ferramenta que, sen necesidade de recorrer a desembolsos millonarios, resultará dunha grande utilidade para toda a cidadanía”, resumiu Luis López.

De dar a benvida aos asistentes encargouse o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, quen salientou tamén a importancia de mellorar as habilidades das persoas maiores de 50 anos e menos familiarizadas coas novas tecnoloxías para que poidan desenvolverse con plenitude nas tarefas cotiás. “É unha formación necesaria para adquirir coñecementos para unha relación fluída coa Administración”, comentou o deputado e tamén alcalde dun Concello dos cualificados como do Reto Demográfico como é Cerdedo-Cotobade.

Asistencia aos Concellos

“Este novo programa +Reto Dixital non é máis ca unha nova mostra de que esta Deputación toma o Reto demográfico como o que é, un dos maiores desafíos que afrontamos como provincia. É un asunto que afecta principalmente aos concellos rurais, cunha poboación envellecida e con núcleos dispersos. É dicir, máis da metade dos 61 concellos da provincia e é un tema que require dunha esixente mobilización de recursos aos que moitos concellos, polos seus problemas de financiamento e limitación de medios persoais e materiais, non poden facer fronte. É nese punto no que a acción da Deputación entra en xogo para prestar a asistencia e os recursos que necesitan tanto os concellos como a veciñanza”, detallou o presidente provincial.

Neste sentido, referiuse Luis López á acción contra o Reto Demográfico como un “denominador común” presente en todas as políticas do goberno provincial. Así, o plan +Provincia ten en conta o factor da poboación para realizar un reparto de fondos máis xusto, a segunda edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas triplica a contía mínima a recibir polos concellos máis pequenos, a programación cultural está máis descentralizada ca nunca, coa celebración da gala dos Premios Mestre Mateo en Lalín por primeira vez na historia ou a aprobación do primeiro circuíto provincial de danza e teatro +Escénicas; os colectivos veciñais, como as comunidades de auga ou as asociacións de mulleres rurais, volven contar coa colaboración da Deputación; e a creación dun departamento específico para atender o Reto Demográfico garante a aplicación de medidas concretas e útiles para superar estas dificultades. “O Reto Demográfico non é un compartimento estanco na folla de ruta deste goberno”, concluíu o presidente Luis López.

Despois de enumerar as tres ocasións previas nas que a Deputación convocou aos rexedores no Pazo provincial, todas elas para anunciar programas e investimentos de grande relevancia, o presidente convidou os alcaldes e alcaldesas dos concellos aos que vai dirixido este programa +Reto Dixital á formalizar a súa participación. “Estamos diante dunha ferramenta tan útil como necesaria”, rematou Luis López.

Publicacións Relacionadas