O alcalde, Manu Lourenzo, deu a benvida hoxe aos 10 novos operarios e operarias que se suman ao persoal de vías e obras ata o mes de setembro no concello de Soutomaior.
Hoxe se incorporaron 10 novas persoas ao cadro de persoal de vías e obras do Concello de Soutomaior, e o alcalde Manu Lourenzo, doulle a benvida a todas e todos eles.
As novas incorporacións son 6 peóns forestais, 2 varredoras e 2 albaneis. Unha contratación que se realiza dende o concello de Soutomaior ao abeiro do Programa +Provincia para a activación do emprego da Deputación Provincial
Con este procedemento, realizado con total transparencia e en igualdade de condicións, Soutomaior incorporará entre mes de marzo e o mes de maio case un vintena de persoas a cadro municipal para realizar mantementos e limpeza de rúas no concello.
A maiores o Concello tamén oferta un posto de auxiliar administrativo e outro para auxiliar da biblioteca que se incorporarán o 1 de abril.
Este proceso de contratación pública está marcado en todo momento pola transparencia impulsada polo Goberno de Soutomaior. Así, a finais de xaneiro o Goberno local fixo públicos nas oficinas, nas redes sociais e nos medios de comunicación os códigos que os veciños que así o quixeran tiveron que presentar na Oficina de Emprego para poder optar ás prazas. Trátase do segundo ano consecutivo que o Goberno de Soutomaior publica estes códigos para que todos os veciños e veciñas estivesen en igualdade de condicións. Unha iniciativa que antes do comezo do actual mandato non se viña facendo. Unha rematado o prazo de presentación de candidaturas, a Oficina de Emprego realizou de maneira independente unha primeira escolla de candidaturas para cada unha das prazas ofertadas. A Oficina de Emprego manda este listado ao Concello de Soutomaior, que se encarga de solicitar ás persoas que opten ás prazas a documentación requirida. Unha vez entregada e confirmada que toda está en orde, as persoas candidatas tiveron que realizar unhas probas de aptitude que foron avaliadas por un tribunal independente sen relación algunha co Goberno de Soutomaior.
A partir dese momento a incorporación do persoal de rúa realizase de maneira escalonada co obxectivo de que haxa persoal a maior parte do ano, e que nos meses de maior necesidade, o concello conte coa totalidade das persoas contratadas de maneira activa. Deste xeito hoxe comezaron 10 persoas ás que se sumarán no mes de maio 4 peóns forestais, 2 varredoras e 1 albanel. Así, nos meses de verán, a cuadrilla de obras municipal estará integrada por preto de 20 persoas que se encargarán de manter o concello limpo e en boas condicións.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “Soutomaior traballa para ter a mellor cuadrilla de obras da súa historia, co obxectivo de manter os nosos barrios limpos e como merece a nosa veciñanza. Todo isto a través dun proceso de contratación realizado con total transparencia e en igualdade de condicións. Así é como se constrúe un Soutomaior que avanza en todos os ámbitos e que está á altura da nosa veciñanza”