O presidente provincial, xunto co alcalde Carlos Vieitez, comproba o funcionamento dun ben valorado en 350.000 euros adquirido ao abeiro do programa PON2030, que servirá tamén para estender o colector marrón por todo o concello
“Meaño vai ser un exemplo a seguir”, sinala o presidente López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, visitou o Concello de Meaño este luns para coñecer o ben adquirido polo goberno local a través do programa provincial PON2030 consistente nun camión biocompartimentado para a recollida do lixo dos colectores verde e marrón. Unha achega por parte do organismo provincial de máis de 300.000 euros, xunto cos 54.000 euros restantes aportados polo Concello, que serviu para a adquisición deste camión e unha rede de contedores marróns, para a separación dos residuos orgánicos, que será estendida en vindeiras datas polas parroquias do Concello. “A miña primeira visita institucional a Meaño foi para asinar o convenio co alcalde ao abeiro do programa PON2030. Hoxe comprobamos este ben adquirido, que é de última xeración. Meaño vai ser un exemplo a seguir”, asegurou o presidente provincial, que estivo acompañado polo alcalde Carlos Vieitez.
A subvención concedida pola Deputación ao Concello de Meaño ao abeiro do programa PON2030 tiña dous obxectivos. Por un lado, a través da liña 1, a adquisición dun camión para a recollida de lixo equipado cun sistema de dous compartimentos que permitirá aforrar custos ao recoller nunha mesma viaxe os residuos dos contedores verde, os da fracción resto; e do marrón, nos que se depositan os restos orgánicos. Por outro lado, a través da liña 2, o Concello adquiriu unha rede de contedores marrón, un total de 140 segundo confirmou o rexedor, que serán repartidos por distintas zonas do concello tanto para a compostaxe individual como, nas parroquias máis poboadas que son Dena e Meaño, a recollida colectiva. O orzamento total deste proxecto ascendeu a 354.000 euros. “Na aposta pola economía circular, aí está a Deputación”, afirmou o presidente despois de dar os parabéns ao equipo de goberno por esta iniciativa que, ademais, permitirá pechar o ciclo nunha contorna de proximidade, pois os restos depositados nos contedores marróns serán tratados nunha planta especializada de recente apertura en Baión, en Vilanova de Arousa.
Por outro lado, o presidente provincial fixo fincapé en que a colaboración da Deputación co Concello de Meaño vai máis aló deste programa PON2030. Neste punto, referiuse ao novidoso Plan Extra, no que Meaño vai recibir o importe máximo da subvención correspondente ao seu treito de poboación, que é de 700.000 euros e servirá para a mellora da mobilidade peonil desde a Ponte Dena ata ao bordo costeiro do termo municipal de Meaño. Ademais, a través do Plan +Provincia recibirá este ano 572.500 euros e, polo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 108.000 euros.