A alcaldesa e concelleira de Educación, Mocidade e Participación Cidadá, presentaron hoxe a 5ª edición do festival DeMostra, que se aprazara o pasado outono polo mal tempo e se celebrará o vindeiro sábado 22 de marzo na contorna das instalacións deportivas mosenses
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Mocidade e Participación Cidadá, Julia Loureiro, e o mosense Dj Pitty, director ademáis da escola de DJs sita en San Eleuterio, “MezclaMOS”, presentaron esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro a quinta edición do festival de cultura urbana de Mos, DeMostra.
Esta edición foi aprazada polas inclemencias meteorolóxicas e trasladouse para o vindeiro sábado, día 22 de marzo, na contorna do Pavillón Óscar Pereiro.
DeMostra comezou a súa andadura no ano 2018, interrompéndose nos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia da COVID-19. Dende o seu nacemento foi unha iniciativa organizada polo Concello de Mos, contando sempre co apoio e a colaboración da Xunta de Galicia.
A quinta edición do DeMostra terá lugar o sábado 22 de marzo desde as 11.30h da mañá ata ben avanzada a madrugada.
Nesta nova edición do festival de cultura urbana mosense haberá obradoiros, competicións e música. Os talleres serán de mural colaborativo, skate iniciación, ilustración manga, danza urbana, beatbox, freestyle football e parkour iniciación, etc.
Tamén haberá shows de Beatbox Tai, de danza urbana a cargo de Estudio 57, e do Freestyle de Football Marcos.
Os asistentes poderán gozar de dous parques de uso libre: un parkour park e unha pista Street Football.
O fin de festa comezará dende as 21h, hora á que empezará a DJ Party con Sessions, a cargo de 5 DJs participantes: Xian, Kevva, Pitty, Samu Pexe, e Mindset Sea.