HomePontevedraO BNG avanza “accións noutras instancias” fronte ao silencio de Caballero no...

O BNG avanza “accións noutras instancias” fronte ao silencio de Caballero no Pleno co caso Guns N’ Roses

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista dará a coñecer en breve as medidas concretas que van emprender para que o Goberno local responda das graves irregularidades acreditadas na sentenza condenatoria polo concerto

Xabier P. Igrexas: “Non se van ir de rositas, estean atentos ás notificacións ou citacións que reciban en breve”

O Bloque Nacionalista Galego avanzou “accións noutras instancias” fronte ao silencio do Goberno de Abel Caballero durante o Pleno extraordinario celebrado este xoves polo caso Guns N’ Roses. A fronte nacionalista anunciará en breve que medidas concretas van emprender para obrigar a que o Goberno local responda das graves irregularidades acreditadas na recente sentenza que condena ao Concello ao pago de case 2 millóns de euros polo concerto.

O BNG xa manifestara publicamente hai varias semanas que os seus servizos xurídicos estaban a estudar, en detalle e co máximo rigor, esta posibilidade toda vez o xulgado contencioso administrativo que ditou a sentenza non puido depurar esas responsabilidades por non ter competencias.

“Non se van ir de rositas, estean atentos ás notificacións ou citacións que reciban en breve”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, diante da falla de respostas do Goberno local durante o Pleno promovido pola oposición. “Faltan ao respecto as viguesas e vigueses negándose a dar ningunha explicación sobre este escándalo”, afeou o voceiro nacionalista, comparando esta forma de actuar coa do PP durante a comisión de investigación no Parlamento de Galiza polo sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro.

“O BNG non vimos a chapotear no canto peor, mellor; nin a competir por ter máis minutos con Risto Mejide”, defendeu o portavoz nacionalista en alusión ao Partido Popular, e cualificou esta sesión de exercicio de responsabilidade para evitar que a maioría absoluta do PSOE “instale na impunidade” este caso.

Dende o BNG lembraron as “abondosas oportunidades” que lle brincaron ao alcalde dende que se coñeceu a sentenza para que comparecese e ofrecese explicacións de forma voluntaria. “Non o quixeron facer, e por iso antepoñemos o dereito das viguesas e vigueses a coñecer a verdade por riba da nosa distancia sideral co PP, que non ten ningunha lexitimidade para ser abandeirado da loita contra a corrupción e pola transparencia”, argumentou Igrexas en relación á convocatoria conxunta do Pleno extraordinario. “As miserias duns non poden tapar as de outros”, xustificou.

Aliás, o nacionalista sinalou que o BNG preferiría que este Pleno non se tivera producido porque iso significaría que “o Concello de Vigo non tería sido condenado xudicialmente pola xestión irregular do Goberno de Abel Caballero”. En resposta ás descualificacións do portavoz do Goberno, Carlos Font, Igrexas retrucou que “a única trama política é a dun Goberno que intentou entregar á marxe da legalidade case 2 millóns de euros de todas as viguesas e vigueses a unha empresa privada”.

O portavoz municipal nacionalista asegurou que esta sesión convocouse por “unha cuestión de esencial decencia democrática” diante dun Goberno municipal que segue fuxindo de asumir responsabilidades polo caso Guns N’ Roses. Por estes motivos, Igrexas interpelou ao alcalde sobre como actuaría o PSOE en caso de que fora a Xunta ou a Deputación (ambas gobernadas polo PP) quen resultase condenada por feitos similares.

“Que diría Abel Caballero se outros apalabrasen 2 millóns de euros para un concerto nunha reunión clandestina, formalizando ese compromiso nunha carta de interese que quixeron ocultar, anunciando o propio alcalde o concerto e incluíndo o logotipo do Concello no cartel, e finalmente convocando un falso concurso público para un patrocinio publicitario con bases a medida polo mesmo importe que xa prometera aos organizadores?”, cuestionou o voceiro nacionalista.

Publicacións Relacionadas