O Eixo Atlántico lidera este modelo pioneiro para mellorar a cohesión social e a igualdade de oportunidades no marco da Axenda Urbana 2030
Á presentación do laboratorio estiveron presentes, o rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Cultura, Antía Alberte xunto con Xoán V. Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlántico e Roberto San Salvador, autor do informe e experto da Universidade de Deusto.
Ribeira convértese no epicentro da innovación social co lanzamento do Laboratorio de Innovación Transformadora Cohesiva, un proxecto pioneiro promovido conxuntamente por Ribeira, o Eixo Atlántico e Deusto Cities Katedra.
O laboratorio ten como obxectivo deseñar, implementar e avaliar un modelo de gobernanza máis democrático, inclusivo e cohesivo. A través dunha serie de sesións de traballo con representantes políticos, técnicos, empresas, asociacións e cidadáns, búscase reducir as brechas de vulnerabilidade e desigualdade na rexión. Deste xeito, proponse un modelo de políticas sociais personalizadas e innovadoras para fomentar a equidade e a integración de todos os colectivos sociais.
Nas distintas fases do proceso, que inclúen mesas de traballo e actividades participativas, abordáronse temas clave como a igualdade de xénero, a inclusión social, o acceso á vivenda e o benestar da mocidade. Búscase transformar as políticas actuais cara a un modelo máis próximo ás necesidades individuais, superando as barreiras da exclusión social.
A través da experiencia piloto en Ribeira, están a construírse as bases para un ecosistema de innovación transformadora que non só mellorará as políticas locais, senón que tamén servirá de modelo replicable para outras localidades do Eixo Atlántico. A colaboración entre a administración pública, o sector privado e a cidadanía é a chave para un futuro máis cohesionado e xusto.
Este proxecto reflicte o compromiso de Ribeira coa Axenda Urbana 2030, promovendo un desenvolvemento sostible, inclusivo e centrado nas persoas. A través deste laboratorio, consolídanse as bases para un futuro máis cohesivo, onde a innovación social e a cooperación interinstitucional son esenciais para avanzar na resolución dos retos do municipio.
Ribeira2029: preocupacións da mocidade
O Fórum da Xuventude Coesa, celebrado o 24 de xaneiro de 2024 en Ribeira, tamén serviu como punto de partida para a reflexión sobre o futuro do municipio no marco da iniciativa Ribeira2029. Durante as sesións, os mozos e mozas participaron activamente na construción dun escenario para a Ribeira do futuro, onde compartiron as súas aspiracións e desafíos para os próximos anos. Na súa visión de Ribeira en 2029, destacaron a necesidade dunha cidade con máis oportunidades laborais, especialmente para a mocidade, cun forte sentido de identidade e cohesión social.
Os participantes expresaron o seu desexo de que Ribeira se converta nun referente cultural, un lugar vibrante cunha oferta diversa de actividades que enriquezan a vida comunitaria. Na súa proposta, tamén subliñaron a importancia de reducir a
dependencia do autoemprego, fomentando un entorno empresarial máis dinámico e con empresas que ofrezan empregos estables e de calidade. Ademais, na súa visión de futuro, os mozos e mozas avogaron por un municipio máis verde, con máis espazos públicos que fomenten a interacción social e a vida saudable.
A idea dun Ribeira2029 no que os mozos sexan os protagonistas consolidouse como un dos puntos clave do foro. Un Ribeira empoderado pola súa propia sociedade, non dependente de axudas externas, e cunha maior oferta educativa, laboral e de lecer. Os participantes do foro coincidiron en que, para facer realidade este futuro, será fundamental seguir promovendo a participación activa da mocidade na toma de decisións e na creación de proxectos transformadores que aborden os retos do presente e do futuro.
Pérez Barral agradeceu ao Secretario Xeral do Eixo Atlántico e a Roberto San Salvador, autor da publicación que se fixo directamente en Ribeira xunto con outros concellos de Portugal. “Hoxe o que estamos presentando son as conclusións dunha experiencia piloto que se desenvolveu en Ribeira de maneira participativa e de forma coordinada cos sectores sociais da nosa cidade e tamén cos propios sectores administrativos do Concello de Ribeira” salientou Pérez Barral.
O rexedor informou que é a primeira vez que se fai algo así en Ribeira; o de implicar a sectores sociais activos da nosa cidade e as áreas gobernamentais de diferentes ámbitos. “Cando se fala de cohesión social sempre focalizamos nos Servizos Sociais, pero temos que darnos conta que hoxe en día a poboación presenta múltiples casuísticas e dende o concello detectamos perfectamente que había que facer un traballo de forma coordinada entre todos os departamentos que ten o concello para chegar a facer de Ribeira un sitio mellor para vivir e para traballar” sinalou Luís Pérez.
Desenvolver diferentes políticas que sexan transversais a tódalas áreas co obxectivo de que Ribeira sexa un municipio atractivo para a mocidade, “que marchan para formarse fora pero que poidan volver non só porque teñan un traballo digno e estable senón tamén porque teñan uns servizos públicos de calidade, porque teñan un urbanismo axeitado para socializar, que teñamos espazos de convivencia na vía pública que permitan gañar esa identidade de Ribeira, en definitiva facer que esa mocidade queira volver e facer a súa vida no seu municipio cunha boa calidade de vida” sinalou Barral e engadiu “este laboratorio foi un primeiro paso e dende o goberno Municipal queremos reforzar ese traballo que se fixo, mantendo esa coordinación dos diferentes departamentos para que se poidan reunir en determinados momentos ao ano para que poidan poñer en común todas esas actuacións que se están facendo nos diferentes departamentos e polo tanto sumar sinerxías positivas entre as diferentes patas que ten a administración local”.
E rematou: “a intención e posicionar a Ribeira de aquí a uns anos nun municipio no que a xente queira vivir, traballar e desenvolver os seus proxectos vitais”.