HomeA CoruñaAs campañas de trampeo da velutina realizadas desde o ano 2017 permitiron...

As campañas de trampeo da velutina realizadas desde o ano 2017 permitiron capturar un total de 112.562 avespas

- Anuncio -spot_img

O Concello de Carballo foi pioneiro na loita contra a especie asiática, e conta cada ano coa colaboración de máis de 200 persoas

O Concello de Carballo foi pioneiro en Galicia ao poñer en marcha no ano 2017 a primeira campaña de trampeo da avespa velutina. Este 1 de marzo, coma todos os anos, o servizo municipal de control de pragas puxo en marcha a correspondente ao 2025, na que novamente contamos coa axuda da veciñanza en xeral e dos apicultores e apicultoras en particular. A campaña tamén accións de divulgación como a realizada por Isidro Rodríguez este luns en MercaEscola.

Desde a primeira campaña foron capturadas 112.562 avespas no noso concello. O ano de maior incidencia da praga foi o 2021, no que caeron nas trampas un total de 32.391 exemplares. Aínda que desde ese ano houbo un descenso, as cifras seguen a ser moi elevadas e no 2024 acadamos as 17.203. Este ano nótase unha incidencia moito menor da presenza da avespa asiática, aínda que os expertos consideran que é unha situación conxuntural derivada da meteoroloxía, e que o peor está por vir. Polo momento, as capturas nas trampas que se colocaron nos últimos días de febreiro nas zonas verdes públicas son moi escasas, pero empeza a habelas.

Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da cidadanía, xa que cada ano contamos con máis de 200 voluntarios e voluntarias para loitar contra esta especie invasora. Neste sentido, lembramos que as persoas interesadas poden achegarse ata as instalacións da empresa Plaguiber (rúa Brasil, número 27) para inscribirse e recoller, de balde, a trampa e o líquido atraente, do que levamos distribuído 6.481 litros en cinco anos. As persoas participantes só teñen que comprometerse a informar periodicamente sobre as capturas que realicen e a devolver as trampas unha vez rematada a campaña.

A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. En canto aos niños que poidan ir aparecendo, lembra que os avisos deben realizarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron, un ano máis, o convenio para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte á avespa asiática no ano 2025, e o Concello de Carballo vén de adherirse a ese convenio esta mesma semana.

Publicacións Relacionadas