A fronte nacionalista reclama a comparecencia da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, e pide que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, aclare se coñecía ou autorizou a presenza desta empresa privada vinculada coa extrema dereita
Esixen adoptar todas as medidas necesarias para evitar que estes feitos “gravísimos”, e que poderían comprometer a validez xurídica da intervención, se volvan repetir
Xabier P. Igrexas: “As labores policiais e a salvagarda da seguridade pública non poden estar participadas, en ningún caso, por organizacións ultra ou empresas como Desokupa”
O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir explicacións ao Goberno municipal de Vigo tras coñecerse a participación da empresa Desokupa nunha intervención realizada pola Policía Local. A fronte nacionalista cualifica este feito de “gravísimo” e reclama a comparecencia inmediata da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño. Pide tamén que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, aclare se coñecía ou autorizou a presenza desta empresa privada vinculada coa extrema dereita, dado que a participación do GOA da Polícía Local neste operativo tería sido requirida polo Corpo Nacional de Policía.
Os feitos producÍronse este martes, cando un operativo policial con participación de axentes da Policía Local, procederon ao desaloxo dun bloque de vivendas na rúa Sagunto, no barrio do Calvario. Nese operativo, no que se acabou producindo unha detención que podería estar vinculada co tráfico de drogas, para alén de axentes da policía municipal terían participado tamén elementos da empresa Desokupa, que a través dun vídeo publicado en redes sociais agradecían a colaboración dos Grupo de Operativo de Apoio (GOA) e, singularmente do seu mando, e no que se ve como percorren as instalacións do edificio desaloxado mentres se están practicando actuacións por parte de axentes policiais, tocando e movendo elementos obxecto de investigación.
Para o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, “estamos ante feitos gravísimos, sen precedentes coñecidos até o momento, como é a participación dun grupo ultra, coñecido polas súas intervencións violentas e comportamentos de tipo mafioso, colaborando nunha actuación policial”. Situación que, ademais, podería comprometer a validez xurídica desa intervención e dos elementos probatorios atopados e que está fóra do previsto nos protocolos policiais.
Por iso desde o Bloque Nacionalista Galego esixen que a concelleira delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, compareza de maneira inmediata para dar explicacións sobre este operativo. E van demandar que se lles facilite acceso a toda a documentación e atestado desa intervención, así como que se informe sobre se a empresa Desokupa, ou outras do mesmo tipo, teñen participado ou colaborado noutros operativos da Policía Local.
Por outra parte, tendo en conta que segundo transcendeu publicamente, en diversas informacións publicadas, a presenza dos GOA da Policía Local tería sido requirida pola Policía Nacional, no BNG cren tamén necesario que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, explique se coñecía ou autorizou a presenza deste grupo con coñecidas vinculacións coa extrema dereita nesta intervención.
“Desde o BNG reclamamos que se tomen todas as medidas necesarias para que estes feitos non se volvan repetir, no convencemento de que as labores policiais e a salvagarda da seguridade pública non poden estar participadas, en ningún caso, por organizacións ultra ou empresas como Desokupa”, remarca Igrexas.