Estudantes de ESO do IES Chapela participaron hoxe nunha actividade divulgativa para a prevención do tabaquismo entre adolescentes. A actividade está organizada polo Concello e a Asociación Española contra o Cancro. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez, participaron esta mañá na charla. Rivas resaltou o papel destas actividades “que permiten aumentar o coñecemento dos mozos e mozas sobre hábitos que teñen consecuencias sobre a nosa saúde, para que logo cada un decida desde a súa liberdade pero con toda a información”. Desde a Asociación Española contra o Cancro advirten do perigo das novas estratexias comerciais para captar a adolescentes e mesmo nenos mediante novos dispositivos pretendidamente inocuos, como os vapeadores ou os cigarros electrónicos, que son igualmente nocivos para a saúde. Esta actividade tamén se está a celebrar no resto de institutos do municipio “cunha alta participación e moi boa resposta por parte dos estudantes”.