A continuación, a peza do s. III d.C. trasladarase á Biblioteca Municipal de Nigrán para exporse alí permanentemente
A mostra, custodiada desde o inicio por tres traballadores do CEE Juan María Empleo, pode visitarse ata o día 24 de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados e domingos de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas
O mostra co mosaico romano de Panxón como gran protagonista do Salón de Plenos do Concello de Nigrán pechará o luns 24 de marzo. A continuación, a peza do século III d.C. recuperada en New York será trasladada á planta baixa da Biblioteca Municipal, onde permanecerá exposta ao público permanentemente. Centos de persoas e múltiples colexios acudiron desde o pasado 7 de febreiro a esta mostra comisariada por Árbore Arqueoloxía co obxectivo coñecer de preto a gran xoia patrimonial de Nigrán. Para poder expoñeña ao público tiveron que pasar 1.800 anos e percorrer 14.112 km de retorno.
“Pecha a exposición que acompaña ao mosaico pero a peza poderá verse a continuación permanentemente na Biblioteca, unha infraestrutura municipal de especial interese cultural e arquitectónico que consideramos que reúne todas as condicións para facilitar a súa exhibición dun xeito seguro”, considera o alcalde, Juan González, quen traslada o seu especial agradecemento aos tres traballadores do CEE Juan María Empleo que estiveron á frente da mostra abréndoa, pechándoa, atendendo á xente e supervisando que todo ía correctamente. Estes son Sergio Fernández, Santiago Montalvo e Daniel Aldao, de 28, 32 e 17 anos respectivamente. Os tres están á fronte da súa apertura de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados e domingos de 9:30 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas con visitas guiadas a cargo de Árbore ás 10:00, 12:00 e 18:00 horas e ás 13:30 horas ofrécese un percorrido guiado pola parroquia de Panxón (saídas desde o Templo Votivo sen precisar inscrición previa).
“Invitamos a todos os interesados en coñecer mellor a Historia do mosaico a que acuda antes do 24 de marzo para recibir explicacións do pasado romano de Panxón de mans dun arqueólogo experto”, incide o alcalde, quen engade que o Salón de Plenos foi musealizado con restos vinculados coa historia do castro de Panxón (cerámicas e un concheiro), réplicas de obxectos cerámicos da época, muíños de pedra atopados en devandita parroquia, imaxes dalgúns dos restos máis icónicos deste castro e que se atopan en diferentes museos (ara a Mercurio, outro trozo dun mosaico, un puñal óseo, obxectos decorativos…) e, como curiosidade, tres imaxes cedidas por Erea Castro do periodo no que o mosaico estivo na casa de Ricardo Blanco Cicerón na Coruña, unha etapa na que foi propiedade desta familia, que o empregaba como mesa de estudo.
O mosaico mide 84×84 cm e está embutido nunha mesa feita no século XIX ao efecto de preservalo, sendo o único fragmento que se conserva dun pavimento que se sabe moito maior. Este anaco consérvase intacto e representa maxistralmente mediante coloridas teselas de mármore a fauna mariña, destacado un colosal peixe de 77 cm e unha ameixas aberta, un tema único nos achados de toda a área metropolitana.
A esta xoia perdéraselle a pista despois dunha poxa pública no ano 2000 na Galería Castellana de Madrid ata que reaparece no ano 2018 á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs de New York. Desde ese intre, o Concello de Nigrán puxo en marcha o engrenaxe para recuperala e, a partir de 2019, da man de Gonzalo Fernández-Turégano, oriúndo da Ramallosa (Nigrán) e quen constituíu a Asociación para la Repatriacion del Mosaico Romano de Panxón co fin de axilizar os trámites. Así, o Concello de Nigrán achegou a esta entidade 40.000 € dos 58.000 € que custou a súa compra coa condición indispensable de que pasase a formar parte do patrimonio municipal e, como tal, se expuxese nun espazo público da localidade. A epopea do mosaico arranca en xaneiro de 2022 na galería Carlton Hobbs de New York, cando embarca cara a súa sucursal en Londres, onde permaneceu máis dun ano paralizado pola burocracia extra do Brexit e, ao fin, chegase a Madrid o pasado 28 de novembro. Alí, na céntrica galería Colnaghi, entre Sorollas, Zuloagas e un Caravaggio, permaneceu exposto ata que hai 15 días emprendese o seu retorno definitivo cara o seu fogar, Nigrán. Agora, tras requirilo Concello e a asociación, está en trámites de ser declarada BIC (Ben de Interese Cultural) por parte da Xunta de Galicia para así protexela ao máximo.
Formaba parte dunha villa romana
Este mosaico foi documentado polo miúdo nos anos 70 polo prestixioso arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo, quen no seu artigo “De novo sobre o Mosaico de Panxón e outras novas sobre a Musivaria na Gallaecia” relata a súa importancia e as súas vicisitudes. Así, segundo el mesmo expón, grazas a manuscritos do século XIX entregados por Xosé María Álvarez Blázquez, se sabe que a peza apareceu “en el sitio llamado el Castro” de Panxón pertencendo primeiramente a “Dª Umbelina González Lavandeira, viuda del Sr. De Puga”, quen o tiña “en su casa de campo de la parroquia de S. Juan de Panjón” (os historiadores coinciden en que nesta zona existía unha importante villa no Baixo Imperio Romano, xa que tamén apareceron ánforas, moedas, un ara a Mercurio…). En principio, o fragmento era máis grande, pero como o tiñan pola finca tirado, foron rompéndoselle partes, polo que os donos optaron por usalo para facer unha mesa. O escrito do s. XIX dí así: “… está sirviendo de cubierta de una mesa con el objeto de que no se estropease porque según me dijeron era mayor y como estuviese tirado lo iban destrozando, y para evitar su total desaparición han hecho aquella dándole la forma de cajón embutiendo en ella el mosaico siendo este de un metro cuadrado y 20 cm de espesor…”.
Cara finais do século XIX o mosaico (é decir, a mesa co mosaico) pasa a formar parte da colección Blanco-Cicerón (mediante compra), onde parece que se conserva durante todo o século XX. No ano 2000 aparece para ser subastado na Galería Castellana de Madrid: lote nº 664 “mesa con mosaico romano”, desaparecendo ata o ano 2018, cando reaparece á venda no catálogo da casa Carlton Hobbs e comeza unha súa epopea de regreso a casa e xa como ben público.