HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación avanza que este venres aprobará 112.000 euros para impulsar unha...

A Deputación avanza que este venres aprobará 112.000 euros para impulsar unha pista de ‘pump track’ na antiga canteira de Paredes, en Vilaboa

- Anuncio -spot_img

A deputada provincial María Ramallo visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

O Concello de Vilaboa recibe este ano ao abeiro deste plan un 124% máis de recursos que na edición anterior, cando obtivo 50.000 euros para o acondicionamento e renovación das instalacións do pavillón do Toural

A deputada provincial María Ramallo visitou xunto co alcalde de Vilaboa, César Poza, a canteira de Paredes onde anunciou que a Deputación aprobará na Xunta de Goberno deste venres unha inxección económica de 112.000 euros para a construción dunha pista deportiva de bombeo ‘pump track’ que substituirá a zona de xogos infantís instalada na actualidade e que se atopa en desuso. Farao a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de oito millóns de euros (o dobre que na súa primeira edición) cos que a institución provincial está a transformar e modernizar os equipamentos deportivos da provincia. De feito, ao abeiro deste plan, Vilaboa recibirá este ano un 124% máis de recursos que na anterior edición, cando se beneficiou de 50.000 euros para o acondicionamento e renovación das instalacións do pavillón do Toural.

María Ramallo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, cos que se impulsará esa nova pista de bombeo para circulación mediante inercia na antiga Canteira das Lapas, en Paredes. Será preciso desmontar a zona de xogos infantís instalada na actualidade e realizar a escavación das gabias para a formación de drenaxes, pozo de rexistro e condución á rede de pluviais, a execución da canalización eléctrica soterrada e a instalación de luminarias LED, a retirada da capa vexetal, a formación das pendentes, unha pavimentación artesanal e manual, o pintado das marcas viarias, o axardinamento das illas interiores do circuíto e a instalación de bancos.

“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou María Ramallo, que lembrou que “desde a Deputación estamos facendo un grande esforzo económico xa que a dotación e o mantemento das instalacións deportivas son moi custosos, e por iso impulsamos programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para axudar os concellos a realizar estes labores”. A deputada provincial lembrou que “temos un modelo claro para o noso territorio, no que buscamos converter Pontevedra na provincia do deporte e no grande estadio deportivo do mundo e, para conseguilo, este ano temos aprobado destinar máis recursos que nunca”.

Publicacións Relacionadas