Terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 20:00 horas con entrada libre. Estará presentado pola actriz Cristina Maró e tocará a pianista Brenda Vidal
Recibirán o Premio ‘Social’ as comunidades de augas de Camos e Chandebrito, o ‘Educativo’ CEMMA, o Empresarial ‘Forjados Figueiró’, o ‘Cultural o IEM e o deportivo o Acroclub Nigrán
O Concello de Nigrán celebra este sábado 22 de marzo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal a gala de entrega dos ‘Premios Nigrán 2024’. Como é habitual, o evento estará presentado pola actriz Cristina Maró e a pianista Brenda Vidal (directora do Conservatorio de Gondomar e afincada en Nigrán) interpretará varios temas. A entrada é libre ata completarse o aforo.
A corporación de Nigrán acordou por unanimidade os cinco galardoados. Deste xeito, nesta duodécima edición serán homenaxeados no eido ‘Social’ as comunidades de augas de Camos e Chandebrito, no ‘Educativo’ a CEMMA, no Empresarial a ‘Forjados Figueiró’, no ‘Cultural o IEM e no deportivo o Acroclub Nigrán. O acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados. “Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo contribúen a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentírmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.
PREMIO SOCIAL
COMUNIDADES DE AUGAS DE CAMOS E CHANDEBRITO
O municipio de Nigrán conta con 6 comunidades de augas nas parroquias de Camos e Chandebrito. As coñecidas como ‘traídas veciñais’ son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí, ancestralmente, formáronse estas comunidades por iniciativa dos propios veciños. En Nigrán estímase que delas se abastecen máis de 100 familias, algunhas delas a día de hoxe xa a comparten co abastecemento público e noutros casos só se nutren deste xeito ou simultáneamente con pozos particulares. En total, calcúlase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias que abastecen a ao redor de 300.000 fogares. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontaron nos pasados anos a segunda renovación da súa concesión e no municipio de Nigrán co apoio do Concello, que outorgou subvencións a tal efecto, producíndose un cambio radical nas infraestruturas das traídas.
PREMIO EDUCATIVO
CEMMA
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) é unha ONG galega fundada en 1992 e con sede en Nigrán desde 2003. Está adicada ao estudo e divulgación dos mamíferos e tartarugas mariñas de Galicia, a través da investigación, promovendo e participando en proxectos con institucións estatais e internacionais, e potenciando aspectos divulgativos mediante exposicións, conferencias e cursos. Dende 1999 CEMMA é a institución responsable da asistencia aos varamentos na costa galega, da xestión do banco de mostras destas especies, da recuperación de animais feridos e do estudo poboacional. Tamén participa na redacción dos plans de conservación das especies máis ameazadas para a administración autonómica e estatal. Hai uns días, deu a coñecer o seu informe anual no que figuraba que as costas galegas rexistraron un total de 689 animais varados en 2024, cifra récord desde que se contabilizan (sen ter en conta os peixes) ao supoñer unha vintena máis que en 2023. Foron 614 cetáceos, 32 tartarugas, 23 quenllas, 14 londras e media ducia de focas e leóns mariños.
PREMIO EMPRESARIAL
Forjados Figueiró
Figueiró Forjados naceu en 1965 cando o nigranés Juan Figueiró Alonso regresa de Venezuela. Xunto cun socio contratista que coñecía o mercado, Juan Figueiró Alonso comeza a actividade orixe das actuais actividades empresariais da familia. Inicialmente, ademais de bloques e bovedillas, fabricaban postes e arillos de pozo. Toda a actividade realizábase de forma manual. A comezos dos anos 70, e por diferenzas na visión empresarial, D.Juan Figueiró Alonso sepárase do seu socio e continúa en solitario. Desde entón ata hoxe, Figueiró Forxados, con sede en rúa dos Pazos (Camos), foi a base das actuais actividades empresariais da familia Figueiró Garrido que inclúen tamén unha empresa en Portugal (Prenorte) que realiza paneis prefabricados para cerramentos de naves industriais, e unha incipiente actividade promotora. O esforzo inicial de D. Juan Figueiró foi acompañado pola súa esposa Rosa quen, desde comezos dos anos 80 traballa na empresa familiar e polos seus fillos que progresivamente se incorporaron á mesma. Actualmente a segunda xeración da familia está á fronte da empresa e o seu esforzo e inquietude contribuirán á continuidade e éxito da empresa familiar.
DEPORTIVO
ACROCLUB NIGRÁN
Acro Club Nigrán xorde da unión de ideais dun equipo de persoas que busca achegar a Ximnasia Acrobática desde unha perspectiva lúdica e integradora a todas as idades; con carácter xeral desde os 3 ata os 18 anos. Actualmente é a única entidade deportiva do municipio que desputa competicións internacionais.
De feito, desde o ano 2016 que se funda en Nigrán, o Acro Club Nigrán conta cunha magnífica experiencia tanto en campionatos autonómicos, nacionais e internacionais como en festivais e galas. O 70% das ximnastas compite a nivel internacional, nacional e autonómico e o 30% restante correspóndese con ximnastas que participan nas actividades extraescolares nos colexios de Nigrán e nos grupos de iniciación e de crianzas de pequena idade.
CULTURAL
INSTITUTO DE ESTUDIOS MIÑORANOS (IEM)
O Instituto de Estudios Miñoranos (IEM) cumpríu 25 anos de existencia no 2024 e o Concello de Nigrán quere recoñecer a súa traxectoria neste cuarto de siglo. O IEM naceu en 1999 en Nigrán co historiador Carlos Meixome como primeiro presidente e o tamén historiador Juan González, actual alcalde de Nigrán, como vicepresidente. A antiga casa do conserxe do CEIP Mallón foi a súa primeira sede. O traballo do IEM, que cumpríu no 2024 as vodas de prata, é pioneiro en moitos campos e trascende moitas veces o escenario da comarca, sendo unha entidade cultural de referencia en toda Galicia e España.
Estudo, divulgación e reivindicación son os tres grandes piares da súa existencia. Todas as investigacións están publicadas en 24 números da ‘Revista de Estudos Miñoranos’ e tamén en monográficos literarios, de toponimia ou libros de fotografía. No eido da divulgación, os faladoiros do IEM teñen traído a grandes expertos en materias do ámbito científico, literario, xeográfico, social e mesmo político. No verán ofrecen xeiras dentro e fóra da comarca para achegar ese coñecemento á mais poboación. Eles foron os impulsores da plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro ou SOS Groba, acadando botar abaixo oito proxectos eólicos en fase administrativa, antes de chegaren aos tribunais (caso único en toda España). A lingua e a literatura teñen tamén gran protagonismo na entidade, que promove un dos máis prestixiosos premios de poesía do país, o Victoriano Taibo, en homenaxe ao escritor e mestre santiagués que deu clase e viviu en Morgadáns nos anos 40 e 50 do pasado século. A memoria histórica tamén é buque insignia do IEM, sendo a difusión dos asasinatos da coñecida como ‘Volta dos 9’ mérito seu. Tamen da súa man se fixeron, en colaboración co Instituto Galego de Medicina Legal e coa Universidade, as primeiras exhumacións de vítimas da persecución franquista en duas fosas comúns en San Xián (O Rosal), onde atoparon cinco corpos, tres deles de veciños da comarca e dous sen identificar. Nestes 25 anos de traballo descubriron máis de mil petróglifos, a meirande parte dentro dos límites xeográficos do Val Miñor, pero tamén fóra.