Os nacionalistas abstéñense na votación das contas, que volven deixar fóra actuacións de gran calado, como o enlace do polígono con Vilalonga, e que non contemplan grandes investimentos para paliar os problemas e as deficiencias dos servizos no rural
“A política de formigón do señor Martín lévao a impulsar grandes infraestruturas das que despois se esquece de aplicar o mantemento necesario”, recorda o Bloque
O Goberno local de Telmo Martín aprobou hoxe luns, coa abstención do BNG, un Orzamento consolidado para 2025 que, ao igual que sucedeu en exercicios anteriores, volve marxinar proxectos de calado para a veciñanza no Sanxenxo e redunda no abandono e na falta de servizos no rural. O voceiro nacionalista, Fran Leiro, ironizou sobre a “campaña de marketing” en que consistiu a exposición do Orzamento por parte da concelleira de Facenda, ao tempo que detecta varios “males endémicos” que se veñen repetindo co Partido Popular. Un deles ten que ver coa incapacidade de facer un bo mantemento das instalacións municipais. “Ao señor Telmo Martín gústalle vender grandes investimentos e infraestruturas e despois esquécese delas. Temos varios exemplos, como o pavillón do CEIP Florida, que segue nun estado de abandono lamentable, ou o Centro de Interpretación da Telleira, que leva máis dunha década abandoada”, inidicou. Outra gran carencia que presenta o Orzamento de 2025 é a ausencia de actuacións que, tal e como lembra o Bloque, foron prometidas en varias ocasión saos veciños e veciñas de Sanxenxo desde hai moitos anos, sen que sigan sen facerse realidade. Así ocorre coa construción da estrada de enlace entre o polígono empresarial de Nantes e a parroquia de Vilalonga, un proxecto que, recordan os nacionalistas, “figura no PXOM desde a súa aprobación en 2003 e que nin a Xunta nin o señor Telmo Martín teñen pensado acometer, a pesar de resultar unha actuación moi importante, polo servizo que prestaría,
para un gran número de cidadáns, así como para as empresas que se asentan no polígono”. Outro tanto sucede coa prometida ampliación do Centro de Saúde de Baltar, on de “o señor alcalde se fixo a foto co conselleiro hai xa tres anos anunciando esta actuación, sen que figuren fondos nin nos Orzamentos da Xunta do PP nin do propio Concello”.
O grupo municipal do BNG tamén lamenta que 2025 vaia ser un “máis do mesmo” para a xente do rural. “Hai un abandono evidente, que se traduce nunha escasez de investimentos alarmante”, denuncian. O Goberno local do PP só prevé 100.000 euros para o arranxo de viais, cando “hai veciños e veciñas de diferentes parroquias que levan 30 anos agardando a que se arranxen pistas e camiños cheos de fochancas e co firme en pésimo estado, sen que o señor Telmo Martín actúe. Falamos de xente que está xa cansa de reclamar ante a inacción do Goberno local”.
Plan Económico
No Pleno tamén se abordou a aprobación do Plan Económico Financieiro 2025-2026, unha medida que, tal e como advirte o grupo nacionalista, é consecuencia da política de formigón de Telmo Martín. “A situación económica do Concello queda condicionada polo pago dos 8 millóns de euros á familia Rocafort pola expropiación da finca das Cunchas, un desembolso que impide acadar os obxectivos financieiros da Administración local”, sinalou Fran Leiro durante o debate plenario. Os nacionalistas lembran que Telmo Martín mentiu á cidadanía cando asegurou que a expropiación non ía costar nin un só euro, ao que hai que sumar tamén as falsedades ditas antes do mandato, cando prometeu unha baixada xeralizada de impostos. “Dous anos despois, o señor Martín incrementou a presión fiscal da veciñanza con aumento de impostos, novas taxas e o pago dunha sentenza xudicial da que é o único responsable”, sinala o Bloque. Leiro tamén aproveitou a súa intervención para denunciar un novo episodio da falta de transparencia coa que actúan o Goberno local e Telmo Martín. “O BNG solicitou hai xa algún tempo informes sobre os custes exactos da expropiación e esa documentación non se nos envía porque non conta coa autorización do alcalde”.
Altri
Por último, o BNG tamén amosa o seu malestar pola decisión do grupo do Partido Popular de non aprobar a urxencia dunha moción presentada polos nacionalistas sobre a macrocelulosa Altri. A excusa dada polo Goberno local foi que a moción non se presentou antes da convocatoria do Pleno. “Sanxenxo non conta cun regulamento que especifique ou obrigue aos grupos da Corporación a presentar as mocións nese prazo”, denuncian os nacionalistas, que recordan a “foto da vergoña” do señor Martín no Parlamento de Galicia, para apoiar a instalación de Altri en Palas de Rei.