O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria lembrou que con estas actuacións se mellorará a eficiencia do centro e se crearán novos espazos específicos de atención aos usuarios
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a residencia de maiores de Campolongo na que a Xunta de Galicia está executando diferentes melloras cunha inversión que ascende a 4 M€. Despois do encontro co persoal e os usuarios, destacou o avance e a boa proxección das obras desta residencia pública autonómica que se atopan na fase final e está previsto que rematen este ano.
Antón Acevedo lembrou que con estas actuacións se está mellorando a eficiencia do centro ao tempo que se crearán novos espazos específicos para a atención dos usuarios. Deste xeito, estanse reorganizando as zonas de comedor e enfermería, cubrirase a terraza para adecuala a novas utilidades reservando un espazo exterior, instalaranse novos ascensores e caldeiras e mellorarase o envolvente térmico do edificio.
Ademais, o director xeral salientou que as reformas do segundo andar permitirán mellorar a súa accesibilidade para destinala ás persoas máis dependentes e poder ofrecer unha atención máis específica e especializada.