● Sarabela Teatro, Paco Nogueiras, a narradora Inma Soto ou a autora de banda deseñada Ana Moreiras son algúns dos convidados desta edición.
● A actividade máis senlleira, o XVIII Dar de Ler coma quen dá de beber, terá lugar o domingo 27 de abril na Cafetaría Keik.
A asociación Espazo Lectura celebra a Semana do Libro e a Lectura do 22 ao 28 de abril en diferentes localizacións do municipio, co gallo do Día do Libro, o 23 de abril. Trátase dunha programación especial con sesións nos diferentes clubs onde autores convidados, teatro, música e narración oral potencian o poder da palabra. Unha proposta diversa e participativa que pon o libro no centro das propostas, apostando pola lectura como unha vivencia compartida.
A Semana do Libro e a Lectura comezará así o martes 22 de abril, ás 20:00 h, cunha xornada compartida dos clubs Lecturas Debuxadas e Daquelas que Len, arredor da novela gráfica Xaora, coa presenza da propia autora, Ana Moreiras, na Biblioteca Municipal de Gondomar.
O mércores 23, ás 18:00 h, a Casa da Lectura acollerá unha actividade dirixida ao público infantil con Inma Soto e o seu conto Xela, aventura na fraga, que busca poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural. O xoves 24, ás 20:00 h na Biblioteca de Gondomar, o club de lectura Sete Vidas celebrará unha sesión dedicada á obra Monsieur Maurice, de Amelia B. Edwards, que contará coa participación do seu tradutor, Alejandro Tobar.
A programación continuará o venres 25 de abril cunha sesión especial de Contos en Cueiros, destinada a bebés de 0 a 3 anos, coa proposta Kenka un kenko, da narradora Cris de Caldas e o músico Xabi do Camiño, un espectáculo cheo de contos para durmir. Será ás 18:00 h na Casa da Lectura, e é preciso inscribirse previamente.
O sábado 26, ás 12:00 h, terá lugar unha nova proposta do club Lendo Contigo, ao redor da obra A Cincenta que non quería comer perdices, unha adaptación de Sarabela Teatro, na Biblioteca Municipal de Gondomar. Ese mesmo día, ás 19:00 h, a peza será representada pola propia compañía no Auditorio Lois Tobío. Esta actividade conta coa colaboración do Concello de Gondomar.
Tamén o sábado, pero ás 20:00h e na Casa da Lectura, os membros do Comando Le asistirán a un obradoiro sobre dinamización de actividades infantís, orientado á preparación da Noite na Biblioteca que se celebrará no mes de maio.
18 anos compartindo palabras
O acto central da Semana do Libro, o xa emblemático Dar de ler coma quen dá de beber, cumpre a súa 18 edición coa tradicional lectura en público de fragmentos literarios, recomendando e compartindo lecturas entre os asistentes. O evento está aberto a calquera persoa que se queira achegar e para participar só é necesario enviar un correo a espazolectura@gmail.com. Esta actividade levarase a cabo o domingo 27 de abril, de 12:00 a 14:00 h, no Café KeiK de Gondomar.
O músico Paco Nogueiras será o encargado de pechar a intensa programación co seu espectáculo Son Animal o luns 28 de abril, ás 18:00 h, no marco do Contomar que nesta ocasión se celebrará na Casa da Lectura.