— Ángeles Vázquez destaca a importancia da industria química galega para avanzar no cumprimento dos grandes obxectivos de descarbonización e transición enerxética
— A conselleira pon en valor o proxecto de ABCR Laboratorios para producir baterías de ion-litio, co que aspira a reducir un 38% as emisións de dióxido de carbono
— Apela á colaboración público-privada para avanzar nos retos de descarbonización e anima á firma pontevedresa a sumarse á iniciativa Alianza Galega polo Clima
Galicia consolida a súa posición como a comunidade española que máis reduciu en 2023 as emisións netas de gases de efectos invernadoiro (GEI) con respecto a 1990 —é dicir, a diferencia entre emisións e absorcións—, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións de ABCR Laboratorios, en Forcarei, empresa do eido químico e farmacéutico e que, tal e como resaltou, exemplifica a relevancia deste sector para avanzar cara aos obxectivos de descarbonización e transición enerxética, así como para garantir un desenvolvemento sostible e eficiente de Galicia.
Tras explicar que a Xunta acaba de recibir un avance do último Inventario Nacional de Emisións que elabora o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a conselleira explicou que durante o ano 2023 Galicia logrou reducir nun 61,7% as emisións netas de GEI con respecto a 1990, un balance que a sitúa á cabeza do país neste eido e que confirma que o Goberno autonómico “vai polo bo camiño” na súa estratexia para facer fronte ao cambio climático.
De feito, Ángeles Vázquez lembrou que no anterior informe, correspondente ao ano 2022, Galicia tamén foi a comunidade que experimentou unha maior redución das emisións contaminantes netas, nese caso, cun descenso do 59,8%.
Neste sentido, destacou a importancia de contar cun tecido empresarial “comprometido co medio ambiente e a redución das emisións”, unha concienciación ambiental da que puxo como exemplo, precisamente, á empresa ABCR, fundada en 2008 e cuxa traxectoria estivo marcada desde entón pola innovación e a súa aposta pola sostibilidade nos seus procesos.
Así, a modo de exemplo, referiuse ao proxecto Eco-Smart Batt, que contou co apoio da Xunta e dedicado ao desenvolvemento de baterías de ion-litio máis sostibles, un obxectivo que conecta directamente coas políticas de transición ecolóxica impulsadas polo Goberno galego. De feito, indicou que, tal como lle transmitiron os responsables da firma, ABCR Laboratorios aspira a que eses novos dispositivos de almacenamento de enerxía reduzan ata un 38% as emisións de dióxido de carbono (CO2).
Este tipo de iniciativas, salientou Ángeles Vázquez, son fundamentais nun momento no que a produción de vehículos eléctricos e híbridos está a aumentar, co que esa rebaixa na emisión de gases de efecto invernadoiro contribuiría a facer fronte aos efectos do cambio climático e á descarbonización da economía.
Así mesmo, a conselleira tamén se referiu á oportunidade que supón para empresas de referencia neste e noutros sectores a existencia de alianzas relacionadas co impulso da economía circular así como no eido da redución dos residuos -como é o seu proxecto para a reciclaxe de gomas de siliconas- e na mellora e implementación de procesos industriais sostibles e eficientes.
Ademais, tras apelar a seguir fomentando a colaboración público-privada para avanzar nos retos de descarbonización, Ángeles Vázquez animou aos responsables de ABCR Laboratorios a sumarse á iniciativa Alianza Galega polo Clima, impulsada pola Xunta.