O deputado provincial Javier Tourís deu a coñecer que é unha comunidade enerxética e o papel das administracións no seu desenvolvemento
A Deputación de Pontevedra organizou no Concello de Meis unha xornada de difusión sobre as comunidades enerxéticas no marco da Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables. O deputado Javier Tourís, acompañado da alcaldesa de Meis Marta Giráldez, deu a coñecer que é unha comunidade enerxética e o papel das administracións no seu desenvolvemento.
Na xornada detalláronse os servizos que ofrece a institución provincial a través da Oficina de Transformación Comunitaria da Deputación +Renovables, financiada con fondos Next Generation EU, que está situada no Centro de Servizos e Apoio Empresarial de Barro. Trátase dun espazo desde o que se está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, sendo o medio rural, especialmente os concellos de reto demográfico, a súa prioridade. Para conseguilo, o proxecto contempla actividades de difusión, acompañamento, asesoramento, así como a creación dunha rede de comunidades enerxéticas provincial e diferentes iniciativas de formación e investigación.
No que respecta á difusión está prevista a realización de charlas nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, como a organizada en Meis, para dar a coñecer os servizos da oficina e a figura das comunidades enerxéticas. Ademais, a oficina móbil de +Renovables está a percorrer a provincia para divulgar as vantaxes destas comunidades e está previsto a organización dun congreso provincial para poñer en común experiencias e analizar desenvolvementos futuros.
+Renovables tamén está a realizar acompañamento daquelas entidades interesadas en crear unha comunidade enerxética. Deste xeito, e unha vez formalizada a solicitude, realízase un completo asesoramento tanto na fase de constitución das comunidades enerxéticas, como na de desenvolvemento do proxecto e na de explotación. Axúdaselles a deseñar un proxecto de xeración, ben térmico ou eléctrico, para dar cobertura aos participantes na comunidade enerxética, e tamén préstase asesoramento económico sobre créditos e fórmulas de financiación. Ademais realízanse informes previos de cara á implantación de comunidades enerxéticas, desde a análise de capacidade produtiva de enerxía ata estudos económicos, para coñecer a viabilidade financeira dos proxectos, ou informes legais e xurídicos.