HomePontevedraO SalnésO BNG denuncia as primeiras deficiencias da reforma do Miradoiro da Peixeira...

O BNG denuncia as primeiras deficiencias da reforma do Miradoiro da Peixeira apenas nha semana despois da súa apertur  

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas denuncian a política de cemento e formigón do alcalde, Telmo Martín, de quen recordan que levou a cabo as obras sen ter en conta á veciñanza, o que provocou un forte malestar en Portonovo 

Ademais das prantacións caídas e do deterioro, o Bloque advirte de que este proxecto millonario conlevou a supresión de máis de 30 prazas de estacionamento, agravando o déficit de espazos para aparcar que xa existe na vila mariñeira 

O grupo municipal do Bloque  Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo denuncia as primeiras  deficiencias que xa se puideron localizar na obra realizada polo Concello  na contorna de Caneliñas, en Portonovo, onde se empraza o coñecido  como Miradoiro da Peixeira. Apenas unha semana despois da súa  apertura oficial, nos últimos días xa son visibles diferentes desperfectos  e prantacións caídas. Os nacionalistas instan ao alcalde, Telmo Martín,  a que aclare se esta circunstancia se vai a repetir cada vez que as  condicións meteorolóxicas non acompañen. “Non estamos a falar do  paso dun temporal especialmente virulento, senón duns días de choiva  e algo de vento”, recalcan desde o Bloque, ao tempo que recordan que  o proxecto contou cun orzamento próximo ao millón de euros. 

Para o grupo da oposición, a obra levada a cabo neste emprazamento é  unha proba máis da nefasta xestión que o señor Telmo Martín está a  protagonizar neste mandato, marcado pola súa política de cemento e  formigón. “Os traballos foron levados a cabo de forma chapuceira e sen  ter en conta á veciñanza”, denuncia o BNG, que recorda que o pasado  mes de febreiro veciños e veciñas de Portonovo convocaron unha  asemblea para abordar o estado dunhas obras que tamén estiveron  marcadas polo polémico cambio de concesionaria que se produxo en  plena execución dos traballos. O voceiro nacionalista, Fran Leiro, ten claro que a ausencia de dirixentes do Goberno local a esa reunión “foi  unha proba máis que patente do nulo interese por parte do señor  Martín e do equipo de Goberno do Partido Popular polas inquedanzas e  preocupacións da veciñanza ao respecto desta obra, o que sen dúbida é  un novo exemplo da actitude autocrática e da falta de transparencia  coa que actúa Telmo Martín”.  

O Bloque lamenta que o alcalde continúe na súa teima de investir  orzamentos millonarios para “aplicar máis formigón e cemento” en  obras que non son de primeira necesidade, ao tempo que continúa  deixando de lado ás parroquias do rural e amosando “unha preocupante  incapacidade” para garantir o bo funcionamento de servizos básicos en  moitas zonas do municipio. No caso da obra de Caneliñas, os  nacionalistas tamén recordan que a presión veciñal resultou decisiva  para que se modificase o proxecto orixinal, impedindo que se cambiase  de emprazamento a escultura da Peixeira, obra de Alfonso Vilar.  “Quizais por iso o traslado da estatua do Aviador Piñeiro ao Paseo de  Silgar se fixo desde o máis absoluto silencio, non fose a ser que o señor  alcalde volvese a ter problemas coa veciñanza”, ironiza Leiro. 

Ademais dos desperfectos e do estado que xa presenta a zona poucos  días despois a súa apertura, o BNG tamén recorda que a insistencia de  Telmo Martín en executar este proxecto supuxo a supresión de máis de  30 prazas de estacionamento na contorna. Un feito que non fai máis  que agravar o déficit de espazos para aparcar que existe en Portonovo  e que se acentúa especialmente durante o verán.

Publicacións Relacionadas