HomeA CoruñaA CoruñaBota a andar na Coruña o RESIS 2025, o festival de  música...

Bota a andar na Coruña o RESIS 2025, o festival de  música contemporánea de referencia nacional 

- Anuncio -spot_img

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este xoves  na xornada inaugural, que contou coa actuación musical de Adya Khanna  Fontenla e Clara Giner 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro,  participou este xoves na xornada inaugural do festival RESIS, referente nacional da música  contemporánea, que ofrecerá durante 30 xornadas actuacións xenuínas e abertas á  cidadanía en diferentes espazos da cidade. O acto, celebrado no Club Cámara Noroeste,  contou coa actuación musical de Adya Khanna Fontenla e Clara Giner.  

“A riqueza cultural da Coruña mídese na ampla variedade de accións singulares que  promovemos desde o Goberno de Inés Rey e o RESIS é un deses acontecementos dos que  nos sentimos orgullosos da súa evolución e da repercusión que está tendo máis alá da nosa  cidade”, sinalou Gonzalo Castro. O RESIS dará comezo este venres, 25 de abril, no Teatro  Rosalía de Castro, co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de  Galicia. 

O festival de referencia da música contemporánea, RESIS 2025, chega á súa VIII edición  coa presenza de artistas internacionais e prestixiosas agrupacións como son Quatuor  Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble, Orquestra e Coro da Sinfónica  de Galicia, Real Filharmonía de Galicia ou a Banda Municipal; directores como Armando  Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas ou Javier Fajardo; solistas como  Viriginia Guidi, Florian Hoelscher ou Florentin Ginot, ou o creador de metasistemas Rubén  Panete. 

Sen perder de vista o labor das creadoras e compositoras, a edición deste ano contará coas  obras de Clara Iannotta, Raquel Buj, Esther Pérez Soriano, Luz Arcas, Sarah Nemtsov, entre outras. Afianzando o seu firme compromiso polo fomento da nova creación española,  o compositor e director do festival Hugo Gómez-Chao Porta e a deseñadora experimental  Raquel Buj estrearán KARST na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, obra que tamén  será representada no Festival Nuova Consonanza en Roma, coa participación da  coreógrafa e bailarina Premio Nacional de Danza 2024, Luz Arcas.  

Asemade, o RESIS, na permanente aposta pola educación e a inclusión, realizará  actividades de carácter formativo interdisciplinar. O III Panel de lectura de partituras  RESIS.LAB, destinado a mozos e mozas compositores e compositoras, é un proxecto  didáctico e pedagóxico que, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e baixo a  dirección do recoñecido compositor José María Sánchez-Verdú, culminará cun concerto  dirixido por Jordi Francés no Auditorio de Galicia de Santiago. 

Seguindo esta liña de actuación, levarase tamén a cabo Proxección Sonora IV,  aproximando a música contemporánea ás persoas con diferentes capacidades e  favorecendo así o acceso igualitario.  

O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30  días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios  e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial,  arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e  actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no  quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web  www.resisfestival.gal. 

Espazos de Intervención  

Unha das singularidades do Festival RESIS en todas as súas edicións son os espazos  singulares nos que se organizan os concertos, workshops e performance, recorrendo este  ano a Igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Palacio da  Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e o Museo Nacional de Ciencia e  Tecnoloxía MUNCYT. E, ademais, a Igrexa de Santo Domingo de Bonaval, a Cidade da  Cultura e o Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela; o Círculo de Belas Artes e o Instituto Goethe, en Madrid; o Teatro Pelanda Matatoio en Roma (Italia) no Festival Nuova  Consonanza, e en Alte Mühle en Rathenow (Alemaña).

Publicacións Relacionadas