HomePontevedraO PP de Pontevedra esixe celeridade para rematar as obras do campo...

O PP de Pontevedra esixe celeridade para rematar as obras do campo de fútbol de Salcedo e mellorar os accesos

- Anuncio -spot_img
  •  Domínguez reúnese con representantes veciñais e a SCD Salcedo para facer seguimento da actuación municipal que deberá estar rematada antes do 31 de outubro
  • Juncal: “O mal estado do acceso ás instalacións para os vehículos e o absurdo de non habilitar unha conexión directa dende o aparcadoiro ao campo, obrigará aos xogadores e afeccionados a dar un rodeo innecesario de 600 metros”

O grupo municipal do Partido Popular manifestou a súa preocupación polo atraso das obras do campo de fútbol de Salcedo, o mal estado do acceso por estrada á instalación deportiva e o rodeo innecesario que terán que facer as familias dos xogadores e os afeccionados por non habilitar unha conexión directa entre o aparcadoiro e o terreo de xogo.

Acompañado polos concelleiros Guille Juncal e Martín Martínez, o presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, volveu visitar o campo de fútbol para reunirse con representantes veciñais e da SCD Salcedo co obxectivo de facer un seguimento da actuación municipal, e despois de que se acordase prorrogar a data de finalización dos traballos do 31 de decembro de 2024 ao 31 de outubro de 2025.

Tras a visita, o responsable de Deportes do PP local alertou de que “todo apunta a que o campo non estará operativo para o comezo da pretempada, o que supón un novo prexuízo para o tecido deportivo de toda Pontevedra, e en particular, da SCD  Salcedo con máis de 290 xogadores”.

Ademais, Juncal sinalou dúas preocupacións concretas que xa estarían solucionadas se existise vontade política por parte do Goberno local do BNG: “O mal estado do acceso por estrada ás instalacións, que se atopa en condicións moi precarias, dificultando a entrada de coches e autobuses, ademais de afectar ao club de bicicletas da zona; e o absurdo de non habilitar un acceso directo dende o aparcadoiro lindeiro ao campo de fútbol, o que obrigará a xogadores e afeccionados a dar un rodeo innecesario de 600 metros”.

Os populares da cidade apostan por crear unha Concellería de Deportes dilixente a partir do 2027, cunha folla de ruta clara en materia de creación e mantemento das instalacións deportivas. “O Goberno de Lores sempre actúa a base de remendos, improvisando segundo aparecen os problemas, o que adoita xerar problemas engadidos por non escoitar aos cidadáns”, concluíu Juncal.

Publicacións Relacionadas