Cada concello recibirá entre 7.800 e 14.000 euros para sufragar gasto corrente e afrontar investimentos para apoiar a persoas en situación ou risco de exclusión social
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de preto de 615.000 euros para que os 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes poidan atender as necesidades urxentes de persoas que se atopen en situacións ou risco de exclusión social. Como explicou o presidente provincial, Luis López, son as coñecidas como Axudas Básicas de Emerxencia, “unha liña de achegas para apoiar a aquelas persoas que máis o precisan, e que demostran o noso firme compromiso cos máis vulnerables, poñendo especial atención na mellora da súa calidade de vida e da súa autonomía persoal”.
En concreto, cada un dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibe entre 7.800 e 14.000 euros, en función do número de habitantes que teñan e doutros indicadores, entre os que se atopan a taxa de desemprego, a dependencia ou a renda.
No relativo ao reparto, un total de 410.000 euros permitirán aos concellos sufragar gasto corrente, como alimentación, uso da vivenda ou pagamento de servizos e subministros básicos, entre outros, mentres que o resto, algo máis de 200.000 €, irá destinado a afrontar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables, entre outras moitas iniciativas.