O CONCELLO DE PONTEAREAS INFORMA DO COMEZO DAS OBRAS DE SANEAMENTO DE RIBADETEA
O Concello de Ponteareas informa do comezo da primeira fase das obras da rede de saneamento da parroquia de Ribadetea. O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, e a concelleira de Infraestruturas Xerais, Raquel Bautista, visitaron a zona e amosan a súa satisfacción por este importante avance “imprescindible para mellorar a calidade de vida desta parroquia e protexer o medio ambiente”.
A obra adxudicada ascende a un importe de 1.173.357,00 € + 21% IVE, 1419761.97 €, e contará cun prazo inicial de execución de seis meses para crear unha rede de saneamento nos núcleos da Freixa, O Souto e O Eido e a conexión coa rede existente na parroquia de Ribadetea, que conduce as augas residuais á estación de bombeo da Freixa para, posteriormente, dirixilas á depuradora da Moscadeira, situada na parroquia de Ponteareas.
Baixo este contrato, a empresa adxudicataria, acometerá a construción de 2 estacións de bombeo novas, na Freixa e en Mourade, así como a renovación dos equipos de bombeo da estación de bombeo xa existente da Freixa, xunto coa correspondente rede por impulsión.
Estas obras sentan as bases para dotar dun servizo de saneamento eficiente e acorde ás súas necesidades a unha poboación de máis de 1.000 habitantes da parroquia de Ribadetea. Ademais, permitirán reducir os riscos de contaminación nas proximidades do río Tea, unha zona catalogada como Zona de Especial Conservación e parte da Rede Natura 2000.
Esta é a primeira fase das intervencións para dotar do servizo de saneamento a toda a parroquia, tendo en conta que a urbanización da Freixa xa dispón deste servizo, ademais de resolver os problemas actuais, ao eliminar os sistemas individuais de saneamento existentes que presentan carencias.
Adianta, Juan Carlos Glez. Carrera, que xa están traballando na redacción das seguintes fases e buscando novos apoios e financiamento. “Trasladamos o noso firme compromiso coas veciñas e veciños de Ribadetea para dar resposta a esta demanda histórica”.
Estes traballos, licitados por máis de 1,5 M€, enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ponteareas, cun orzamento de preto de 1,7 M€. A Xunta achega o 80 % do investimento, con máis de 1,3 M€ e executará as obras; e o Concello destina ás actuacións case 334.000 euros, o 20 % restante, e disporá os terreos.
A alcaldesa, Nava Castro, agradece á Xunta de Galicia por este importante apoio indispensable para a execución destas obras. “Xestión diaria para resolver os problemas e dar resposta ás necesidades da cidadanía, ese é o noso traballo, diario. Chamar ás portas de todas as administracións e deseñar da man dos mellores profesionais para un presente e un futuro mellor”.
As actuacións serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da Política Común de España 2023-2027 (PEPAC) en Galicia.