- Así o solicitou o municipio por cumprir cos requisitos exixidos pola súa histórica vinculación co sector da lousa, que xera actualmente 2.000 empregos directos nas 25 explotacións que actualmente ten activas
- Contar con esta declaración vai supoñer que tanto o concello como as empresas que xeran esta actividade van ter en todas as convocatorias públicas ligadas á minería unha puntuación superior, e o municipio tamén terá prioridade á hora de facer calquera tipo de colaboración para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro
- A metade das explotacións de lousa ornamental en España están en Galicia e, tamén, máis da metade dos postos de traballo que xera esta actividade
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que Carballeda de Valdeorras será o primeiro municipio de Galicia en ser declarado Concello Mineiro, logo de que así o solicitase o Goberno local por cumprir cos requisitos exixidos.
Eses requisitos son: que exista ou existise nos últimos dez anos unha especial incidencia da minería para a economía local; que este sector xere máis de 40 postos de traballo directos, tendo en conta especialmente o emprego cualificado e feminino; e que o número de explotacións no municipio sexa superior a cinco.
Nese sentido, Carballeda de Valdeorras cumpre con estas exixencias pola súa histórica vinculación co sector da lousa, que xera actualmente 2.000 empregos directos nas 25 explotacións que actualmente ten activas. Contar con esta declaración, explicou Lorenzana, vai supoñer que tanto o concello como as empresas que xeran esta actividade van ter en todas as convocatorias públicas ligadas á minería unha puntuación superior, e o municipio tamén terá prioridade á hora de facer calquera tipo de colaboración para o desenvolvemento do sector e a posta en valor do patrimonio mineiro.
A conselleira fixo hoxe este anuncio nunha visita que realizou na zona a Pizarras del Valle e á canteira Pizarras Vazfer, acompañada polo director de Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, e polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo. Segundo dixo, Galicia é líder tanto en produción de lousa como de granito. A metade das explotacións de lousa ornamental en España están en Galicia e, tamén, máis da metade dos postos de traballo que xera esta actividade.
Neste contexto, Lorenzana informou de que a partir do vindeiro mércores 9 de abril xa se van poder solicitar as axudas para fomentar a sustentabilidade na actividade industrial dos recursos naturais, cun orzamento de 2,4 M€ e que oscilan entre os 100.000 e os 3.000 euros. Son para protexer a contorna das zonas afectadas pola actividade mineira; para mellorar a seguridade e saúde laboral no sector; para o aproveitamentos das augas minerais, termais e de manancial; para certificación; e, como novidade, para a adquisición de equipos que permita mellorar a eficiencia enerxética nas empresas, especialmente, aquelas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como as empresas de explotación de balnearios.
“Cremos que Galicia ten un potencial mineiro excepcional”, afirmou a conselleira, para lembrar que, despois de 13 anos, hai 51 concursos de dereitos mineiros convocados; 10, na provincia de Ourense. En concreto, na comarca de Valdeorras son dous, que afectan os concellos do Barco de Valdeorras, Vilamartín e Petín, para a extracción de lousa, apuntou, e anunciou: “A finais deste ano imos lanzar outros permisos de investigación para seguir traballando nun sector que dá emprego de calidade e que é fundamental para o autoabastecemento da UE e de Galicia”.
Lorenzana avanzou, ademais, que a Xunta xa está traballando na actualización da Axenda da Minería Sustentable de Galicia para o período 2025-2027.
Turismo industrial
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a vantaxe deste territorio ao contar “cun pasado e cun presente que permite o seu aproveitamento como recurso turístico industrial relacionado coa lousa”. Engadiu que Galicia ten múltiples exemplos deste tipo de turismo que van desde as conserveiras, a industria de salgadura, a construción naval, as instalacións mineiras e as eléctricas, entre outras, e referiuse tamén a á tradición mineira de Valdeorras. “O turismo industrial ten unha compoñente etnográfica moi importante ao permitir entender a vida dos habitantes, abrindo a posibilidade de coñecemento de historia locais”, sinalou.
Reunión co Clúster da Pizarra de Galicia
Na xornada de hoxe, a conselleira de Economía e Industria vai celebrar, tamén, unha reunión de traballo con representantes do Clúster da Pizarra, que agrupa máis de 40 empresas dedicadas á extracción, elaboración e comercialización de lousa en Galicia e representan, aproximadamente, o 90 por cento da produción total da comunidade. Na xuntanza abordarán a situación actual do sector e os retos que afronta a nivel, por exemplo, de sustentabilidade, internacionalización e diversificación de mercados.