Barro, Caldas, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Tui, Valga e Vilaboa recibirán entre 1.350 e 151.630 euros, correspondentes ao período de cobro de agosto a decembro do ano 2023
A Deputación de Pontevedra acaba de anunciar a liquidación dos importes do IBI da AP-9 a unha ducia de concellos polos que pasa esta autoestrada e que teñen delegado no ORAL a xestión deste imposto. Un imposto que ascende ata os 702.000 euros e que corresponde ao período de cobro de agosto a decembro do ano 2023.
Son 12 concellos, en concreto Barro, Caldas de Reis, Meis, Moaña, Mos, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Tui, Valga e Vilaboa, os que reciben contías que van dos 1.350 euros de Meis ata os 151.630 euros de Vilaboa. O presidente provincial, Luis López, lembrou que “unha vez expirou a bonificación que a AP-9 tiña sobre este imposto, na Deputación puxémonos mans a obra para que os concellos recadaran o importe que lle corresponde, nin máis nin menos”.
Unha reclamación que xa trasladou aos alcaldesas e alcaldesas destes 12 concellos nunha reunión celebrada no Pazo provincial o pasado 10 de abril, e que agora, “grazas á xestión da Deputación, os Concellos percibiron xa os ingresos que lle corresponden polo paso da AP-9 para revertelos en melloras para a veciñanza”, celebrou. Estes máis de 700.000 euros súmanse ao aumento da recadación de 1,9 millóns de euros anuais debido á finalización das bonificación do 95% no IBI do que se beneficiaba a autoestrada conforme a unha Lei de 1972