HomePontevedraFigueirido honra a José Acuña Ruzo na súa III Comida de Confraternidade...

Figueirido honra a José Acuña Ruzo na súa III Comida de Confraternidade con 220 asistentes

- Anuncio -spot_img

Comunidade de Montes e Asociación de Veciños distinguiron tamén a José Portela Canosa, centenario de Vilaboa, que fixo gala do seu bo sentido do humor

A parroquia de Figueirido vestiu as súas mellores galas para render homenaxe a un dos seus veciños máis destacados. José Acuña Ruzo, un home que consagrou gran parte da súa vida ao servizo da comunidade, foi o protagonista indiscutible da III Comida de Confraternidade organizada pola Asociación de Veciños San Andrés e a Comunidade de Montes de Figueirido.


Máis de duascentas persoas reuníronse nunha xornada de emoción e agradecemento cara a quen, durante 17 anos, exerceu como alcalde de barrio, ademais de desempeñar importantes responsabilidades no club de fútbol local, como tesoureiro na comunidade de montes e, durante outros 15 anos, como presidente da asociación de veciños, coa que segue a colaborar activamente. A súa implicación esténdese tamén ao Club de Xubilados de Vilaboa, do que forma parte da directiva.

“O recoñecemento non é só polo que fixo, senón por como o fixo: con humildade, con honestidade, con proximidade e sempre cun sorriso”, sinalou emocionada Raquel Peón Silva, presidenta da Asociación de Veciños, durante a entrega dunha placa conmemorativa. Palabras que foron refrendadas por Jorge Villaverde Pereira, presidente da Comunidade de Montes.

O rexedor municipal, César Poza, sumouse ao recoñecemento facéndolle entrega do Pin de Ouro do Concello e da figura do hórreo da Rectoral, “símbolo do amor que José Acuña sempre lle demostrou a Vilaboa”. O alcalde destacou a “intensidade á hora de pedir cousas” do homenaxeado, unha actitude que, segundo recoñeceu, fixo posible que servizos básicos como alumeado, asfaltados e traídas de auga hoxe sexan unha realidade en Figueirido. Especial mención mereceu o parque público no Canaval, un proxecto a piques de rematarse. “Sempre tivo claro que Figueirido necesitaba un parque desas características e a súa perseverancia foi clave para que hoxe estea aí”, subliñou Poza.


A muller de José Acuña non quedou á marxe do recoñecemento, recibindo un fermoso ramo de flores como mostra do cariño da veciñanza.

O acto contou cunha presenza singular: José Portela Canosa, “Pepe o Ferreiro”, quen xa recibira o agarimo da parroquia o ano pasado e volveu a sentilo por ser a persoa máis lonxeva de Figueirido. Co seu característico sentido do humor, Portela compartiu cos asistentes o segredo da súa vitalidade: “Beber viño ás 12 e á noite”, asegurou entre risas. O alcalde entregoulle unha placa coa imaxe de Madamas e Galans, recordando que “o Entroido de Cobres foi declarado patrimonio cultural hai pouco e Pepe xa forma parte tamén do patrimonio de Vilaboa”.


A xornada, que transcorreu nun ambiente festivo e de camaradería, serviu para poñer en valor o traballo daqueles que, como José Acuña Ruzo, consagran a súa vida a mellorar a súa comunidade, mantendo sempre un perfil discreto pero eficaz.

Publicacións Relacionadas