HomePontevedraCaldasO concello de Caldas de Reis conciencia ao alumnado de varios centros...

O concello de Caldas de Reis conciencia ao alumnado de varios centros educativos sobre as vantaxes e beneficios da reciclaxe e do uso de compost 

- Anuncio -spot_img

O alcalde, Jacobo Pérez, participou nas charlas  desenvoltas a pasada semana por técnicos da empresa  responsable da xestión dos composteiros, dirixidas ao  alumnado do CPI Alfonso VII, CEIP San Clemente e dos  colexios La Encarnación e San Fermín 

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo  Pérez, participou a semana pasada nunha serie de charlas sobre reciclaxe que  se celebraron en varios centros educativos do concello. O alumnado do CPI  Alfonso VII, CEIP San Clemente, Colexio La Encarnación e Colexio San Fermín  foi o receptor dos consellos e da información achegada por un técnico da  empresa responsable da xestión dos composteiros no municipio. Ademais de  falar da importancia de dar unha segunda vida a obxectos e materiais de refugallo, estes coloquios tamén se centraron en concienciar á rapazada dos  beneficios que supón o uso do compost, un material natural que garante a boa  saúde de cultivos e plantas e que evita a utilización de materiais químicos,  ademais de supoñer tamén un aforro no custe do recibo do lixo.  

Jacobo Pérez valora positivamente o resultado destas charlas, que estaban  adaptadas ás idades dos e das estudantes. “É importante que as novas  xeracións teñan claro que o uso dos composteiros ou a correcta utilización dos  recipientes de reciclaxe son prácticas indispensables que melloran a nosa  calidade de vida e supoñen un beneficio enorme para a nosa contorna”, explicou,  ademais de incidir en que os nenos e nenas “son os mellores transmisores  destes conceptos nos seus fogares e ante os seus familiares”. 

O Concello de Caldas de Reis pon o foco no coidado do medio ambiente a través  de diferentes accións. Unha delas ten que ver coa concienciación da sociedade  sobre a importancia de respectar os espazos naturais. Neste sentido, o alcalde  tamén salienta a boa acollida que tivo a charla celebrada a principios deste mes  de abril no Auditorio Municipal, que versou sobre a necesidade de coidar e  conservar os montes. Foi unha iniciativa organizada pola Concellería de  Benestar Social e Maiores, pensada fundamentalmente para persoas da terceira  idade, pero aberta ao público en xeral.

Publicacións Relacionadas