Consta de 12 prazas e a inscrición debe facerse presencialmente o martes 29 de abril no Centro Social de Maiores de Vilameán de 10:00 a 12:00 h
É gratuíto e terá lugar todos os martes a partir do 6 de maio e ata o 10 de xuño en horario de 10:30 a 12:00horas
O Concello de Nigrán abre a inscrición este martes 29 de abril de 10:00 a 12:00 horas no Local Social de Vilameán (ao carón do Concello) para participar nun novo obradoiro de alfabetización dixital dirixido a persoas maiores co obxectivo manexar aplicacións móbiles. O curso, que se desenvolverá os martes de 10:30 a 12:00 horas a partir do 6 de maio e ata o 10 de xuño, é gratuíto e terá lugar no mesmo Centro Social de Vilameán. Conta con 12 prazas e terán preferencia as personas maiores de 50 anos empadroadas no municipio e que non o relizaran antes. Impártese a través da Fundación Esplai e conta coa financiación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Os asistentes aprenderán o manexo básico do smartphone: desde a introdución aos teléfonos intelixentes ata o manexo de ferramentas esenciais como a cámara, configuracións de Wi-fi e axustes de pantalla… Prestarase especial atención a aplicacións útiles para a vida diaria, como SERGAS Móbil e Google Maps. Tocarase tamén a navegación por Internet e comunicación en liña (Google, WhatsApp ou correo electrónico) e, finalmente, concienciarase sobre a importancia da ciberseguridade proporcionando recursos de axuda dispoñibles en España.
“Moitos maiores síntense moi inseguros á hora de empregar o móbil, polo que este curso busca que se atopen cómodos á hora, por exemplo, de pedir unha cita médica a través da app do Sergas”, explica o alcalde, Juan González, sobre esta iniciativa da Concellería de Maiores que dirixe a edil María Mayán e que o Concello iniciou no ano 2023. “Non son nativos dixitais e moitos precisan formación práctica ao respecto, e este tipo de cursos son moi útiles porque lles pode facilitar moito o seu día a día”, resume Mayán.